Nova: A Xunta culmina en México o calendario internacional das feiras do libro tras reforzar este ano a promoción do sector editorial galego en Europa e América

03/12/2022

A Xunta culmina en México o calendario internacional das feiras do libro tras reforzar este ano a promoción do sector editorial galego en Europa e América

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recuperou a actividade exterior con presenza nas principais citas editoriais de Italia, Arxentina ou Alemaña

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia remata mañá en México o calendario internacional das feiras do libro tras reforzar durante este ano a súa presenza en Europa e América, retomada despois do parón provocado pola pandemia.

 

En concreto, o Goberno autonómico difunde estes días a literatura galega na Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica. A delegación galega promovida pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está composta polos escritores Ledicia Costas, María Oruña, El Hematocrítico (Miguel López) e a ilustradora María Maquieira. Tamén participan Víctor Mascato, da editorial Triqueta Verde, e a distribuidora Arnoia, representada por Xosé Manuel Figueiras.

 

Ademais, a Xunta conta cun expositor con espazos habilitados para as reunións comerciais e para a información permanente dos visitantes, no que se exhibe unha selección dos títulos máis recentes dalgunhas das principais editoriais galegas. Desenvólvense distintas actividades de difusión da cultura e do libro galego en México con conferencias, presentacións e coloquios, entre outras actividades.

 

A presencia de Galicia nesta feira internacional enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marcha pola Xunta a través do apoio á participación do sector editorial nas principais citas internacionais do libro. Este ano, ademais da presenza en México, Galicia tamén estivo presente nas de Bolonia, Fráncfort, Arxentina.

 

Máis de 2M€

Ademais, o compromiso da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ao sector é a través de distintas liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais superan os 2M€.

 

Comparte