Nova: Román Rodríguez loa o papel do Ano Laxeiro por levar o nome de Lalín a prestixiosas institucións culturais de Madrid e París
03/12/2022
Román Rodríguez loa o papel do Ano Laxeiro por levar o nome de Lalín a prestixiosas institucións culturais de Madrid e París
O titular de Cultura da Xunta salienta a ampla programación desenvolvida este ano e a alta carga simbólica e sentimental que supón a mostra na vila natal do autor
“É unha proposta diferente na que veremos ao artista en acción e estou seguro de que moitos veciños atoparemos nela parte importante da historia da nosa vila”, indica
Comisariada por Xurxo Lobato, a nova exposición permite ver o proceso creativo do artista en directo e outras pezas de gran interese documental
Lalín (Pontevedra), 3 de decembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Lalín na inauguración da exposición Acción Laxeiro, organizada pola Real Academia de Belas Artes en colaboración coa Xunta e o Concello de Lalín, representado neste acto polo seu alcalde, José Crespo. Está incluída nos actos de celebración do Día das Artes Galegas.
O titular de Cultura da Xunta salientou a importancia de todas as actividades realizadas ao abeiro da programación especial polo Ano Laxeiro ao conseguir divulgar o “excelente traballo de Laxeiro” e contribuír a “levar o nome de Lalín, como berce dalgúns dos persoeiros máis importantes da historia da cultura galega a prestixiosas institucións como a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, e o Instituto Cervantes de París”. Formaron parte da programación simposios, iniciativas divulgativas e exposicións itinerantes como a inaugurada hoxe en Lalín que, expresou Román Rodríguez, ten unha elevada carga simbólica e sentimental ao poder expoñerse na vila natal do autor.
Neste sentido, afirmou que Acción Laxeiro é unha mostra diferente ao permitir “velo en directo”, xa que parte da retrospectiva inclúe a elaboración en vivo dunha das súas obras nun acto público en Santiago de Compostela a finais dos anos 90. Compleméntase con outras de gran interese documental como fotografías de Laxeiro en pleno desenvolvemento do seu proceso creativo, así como retratos elaborados polo pintor lalinense doutros persoeiros da cultura do seu tempo, como Uxío Novoneyra ou Jorge Castillo, entre outros.
Renovación e paixón pola cultura popular
Román Rodríguez agradeceu a Xurxo Lobato, comisario da mostra, o seu traballo por poder plasmar o traballo dun artista que foi “unha combinación constante entre renovación e paixón pola cultura popular galega e un home que nunca se esqueceu de ser galego”. O conselleiro de Cultura animou a visitar a mostra, que poderá verse no Museo Ramón María Aller ata o vindeiro 13 de xaneiro. “Abraiará a todos os veciños de Lalín que atoparán na exposición unha parte importante da súa propia historia”, declarou.