Nova: Román Rodríguez avalía co embaixador de España na Unesco as tres candidaturas galegas a Patrimonio da Humanidade
04/12/2022
Román Rodríguez avalía co embaixador de España na Unesco as tres candidaturas galegas a Patrimonio da Humanidade
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades mantivo un encontro con José Manuel Rodríguez Uribes en Rabat no marco do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial
A Xunta de Galicia traballa para que tres bens da nosa Comunidade acaden o máximo recoñecemento da Unesco: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes – Parque Nacional das Illas Atlánticas e Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse esta semana co embaixador de España na Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes, para avaliar o estado das candidaturas galegas a Patrimonio da Humanidade. Trátase dun encontro que se celebrou en Rabat no marco do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, no que se aprobou a entrada do proxecto educativo galego Ponte...nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.
Tras a xuntanza, o responsable autonómico de Cultura explicou que o encontro serviu para compartir o traballo que está a facer o Goberno galego para impulsar os expedientes de Ribeira Sacra, Illas Cíes – Parque Nacional das Illas Atlánticas e Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración co máximo rigor e calidade. “Mantemos un compromiso firme coas tres candidaturas e cremos no seu potencial para acadar o máximo recoñecemento da Unesco”, salientou Román Rodríguez.
Neste senso, o conselleiro gabou o labor, colaboración e compromiso do actual representante para avanzar xunto cos técnicos do Ministerio de Cultura na elaboración destes expedientes e garantir así o seu éxito. “Temos tres propostas potentes e con posibilidades que debemos impulsar desde un traballo técnico e de calidade”, engadiu.