Nova: A Cidade da Cultura presenta un nadal con obradoiros, teatro, visitas especiais e unha edición renovada do Galiverso para gozar en familia
05/12/2022
A Cidade da Cultura presenta un nadal con obradoiros, teatro, visitas especiais e unha edición renovada do Galiverso para gozar en familia
A Xunta comeza o 16 de decembro o ‘Nadal no Gaiás’ co acendido das luces e a apertura do ‘Bosque de papel’, unha instalación que nos traslada ao interior dunha fraga invernal habitada por raposos, coellos, paxaros e flores
O origami, técnica de papiroflexia orixinaria do Xapón, protagoniza tanto a decoración como os obradoiros nos que cativada e maiores aprenderán xuntos a fabricar adornos para a Árbore de Nadal do Gaiás e para os seus fogares
Haberá tamén visitas especiais familiares ás exposicións do museo e para afondar nos segredos e curiosidades arquitectónicas do complexo deseñado por Peter Eisenman
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 A Consellería de Cultura vén de dar a coñecer a programación para este ano do Nadal no Gaiás, cunha variada oferta pensada para gozar en familia. As actividades darán comezo o 16 de decembro co tradicional acendido da iluminación exterior e da Árbore de Nadal da Cidade da Cultura, e inclúen visitas especiais ao museo, obradoiros creativos, teatro e toda unha nova serie de experiencias de realidade virtual no Galiverso.
As luces que percorren os edificios e o Bosque de Galicia guiarán as persoas visitantes ata o Museo Centro Gaiás, onde poderán internarse noutra fraga singular habitada por flora e animais típicos de Galicia, como raposos, paxaros e coellos, todos eles construídos con papel e cartón. Tamén os adobíos da grande árbore que presidirá o Hall de Tirantes serán confeccionados con papel, empregando a técnica do origami.
A modo de lembranza dos 10 anos que cumpre o museo en 2022, os carteis e folletos das actividades que acolleu nesta última década terán unha segunda vida como base para a elaboración destes adornos.
No interior deste Bosque de papel desenvolveranse obradoiros nos que nenas e nenos a partir de 6 anos de idade e maiores aprenderán este técnica de papiroflexia nacida no Xapón para elaborar os seus propios enfeites de Nadal —estrelas, bólas, árbores, barquiños, etc.— que poderán levar para as súas casas ou colgar da árbore do Gaiás.
Estes talleres son gratuítos e realizaranse ao longo de varias quendas, de acceso libre, do 27 ao 30 de decembro. Haberá tamén un obradoiro máis avanzado, para rapazada a partir de 14 anos de idade, na mañá do 17 de decembro, igualmente de balde pero con reserva previa de praza a través da web da Cidade da Cultura.
Afondar na arte contemporánea e nos segredos do Gaiás
Na última semana de decembro e na primeira de xaneiro, a Cidade da Cultura programa unha serie de visitas comentadas especiais, ás exposicións e á arquitectura do Gaiás, gratuítas e dirixidas ás familias. Nas primeiras poderán descubrir, dunha maneira lúdica e divertida, os significados e sentidos da arte contemporánea a partir de seis pezas da exposición De lugares e cousas. Colección de arte Banco Sabadell.
As visitas arquitectónicas familiares tomarán a forma dunha xincana, a medio camiño entre xogo de exploración e concurso de preguntas, co que afondar en como foron construídos os edificios do Gaiás e as súas curiosidades máis divertidas. A información sobre horarios, quendas e reservas para ambas visitas está dispoñible tamén na web.
Música, teatro e un novo Galiverso
A programación complétase cun concerto, teatro, o tradicional concurso infantil de postais e unha edición especial de Nadal do Galiverso. Os trasnos que axudan ao Apalpador a repartir agasallos darán un concerto especial na Biblioteca de Galicia na tarde do sábado 17 de decembro, co que farán un divertido repaso da súa vida e das panxoliñas e cantos de Reis tradicionais destas festas.
Remataremos o ano coa peza de teatro de marionetas Ás para Álex, na que se aborda a necesidade da esperanza e o xogo para superar os atrancos e dificultades da vida, e neste caso concreto para soportar unha enfermidade. Baobab Teatro convídanos a rir e emocionarnos en familia con esta obra comprometida, divertida e chea de tenrura, o día 29 e decembro ás 17,00 horas no Museo Centro Gaiás. As entradas para o espectáculo estarán á venda desde o luns 5 de decembro en Ataquilla.com.
E xa para comezar o novo ano, a Cidade da Cultura estrea unha edición especial do Galiverso que poderá visitarse do 2 ao 5 de xaneiro no andar -1 do Museo. Novas experiencias de realidade virtual, accesibles a partir dos 12 anos de idade, que terán o inverno, o Nadal e as celebracións destas datas como protagonistas.