Nova: O Arquivo Provincial de Ourense acolle dúas mostras permanentes que reflicten a historia do edificio e un itinerario de fondos documentais monásticos

22/12/2022

O Arquivo Provincial de Ourense acolle dúas mostras permanentes que reflicten a historia do edificio e un itinerario de fondos documentais monásticos

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, convidan a visitar ambas exposicións

O representante cultural da Xunta tamén se desprazou ao Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, para participar na presentación do libro ‘O Patrimonio do Viño. Ruta polas adegas e camiños do Ribeiro’, de Lucas Sánchez
 

Ourense, 22 de decembro 2022.- O Arquivo Histórico Provincial de Ourense acolle as exposicións permanentes abertas ao público San Francisco: arquitectura e historia e Documentos Históricos de Ourense, que ofrecen un percorrido polas vicisitudes do edificio así como unha escolma de reproducións documentais monásticas.

 

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron esta mañá o Arquivo acompañados do seu director, Pablo Sánchez, e aproveitaron para convidar á cidadanía a achegarse a este recinto histórico para coñecer máis de preto a historia da cidade condensada neste edificio que a día de hoxe custodia un inxente patrimonio documental de máis de 1.000 anos de antigüidade. Ambas mostras poden visitarse no horario de apertura ao público do edificio, de luns a venres desde as 8,30 ata as 20,30 horas.

 

No caso de San Francisco: arquitectura e historia, a mostra está integrada por 13 reproducións documentais, dúas maquetas, material audiovisual e capiteis graníticos que dan idea da evolución funcional e arquitectónica deste relevante inmoble que foi convento franciscano entre os séculos XIV e XIX e cuartel de infantería entre 1840 e 1980.

 

En Documentos Históricos de Ourense, a exposición presenta unha escolma de 78 reproducións documentais que permite realizar un itinerario de máis de dez séculos desde os máis antigos documentos monásticos do Medievo ata testemuños escritos de célebres intelectuais do século XX. Trátase dunha escolma entre os milleiros de pergameos e papeis que se conservan no Arquivo Histórico Provincial.

 

Museo do Viño Ribadavia

Tras a visita ao Arquivo Histórico Provincial, o director xeral de Cultura desprazouse ao Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, para intervir na presentación do libro O patrimonio do viño. Ruta polas adegas e camiños do Ribeiro, de Lucas Sánchez Taboada, que participou no acto xunto co director do museo, César Llana.

 

Esta publicación, que recolle rutas polas adegas e caminos do Ribeiro de adegueiros, colleiteiros e outros establecementos integrados na Ruta do Viño do Ribeiro, busca afondar na cultura vitivinícola a través de propostas e experiencias variadas.

 

Comparte