Nova: O Centro Dramático Galego amplía a súa colección editorial ‘O papel do teatro’ cos libros dos seus últimos dous espectáculos
26/12/2022
O Centro Dramático Galego amplía a súa colección editorial ‘O papel do teatro’ cos libros dos seus últimos dous espectáculos
‘As oito da tarde, cando morren as nais’ e ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ están coeditados entre a Xunta de Galicia e Edicións Positivas
Os dous volumes póñense á venda na Libraría Institucional da Xunta e nos principais establecementos galegos
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022 As adaptacións dramáticas dos últimos dous espectáculos do Centro Dramático Galego, Ás oito da tarde, cando morren as nais e de Recortes, caneos e outras formas de driblar,incorpóranse á colección editorial O papel do teatro, que chega así aos once libros publicados en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e Edicións Positivas.
Os novos títulos seguen o formato de peto dos números anteriores, con fotografías a cor das postas en escena, artigos de presentación, fichas artísticas e os textos finais sobre os que se construíron as montaxes. Así, Ás oito da tarde, cando morren as nais, recolle a dramaturxia asinada por Marta Pazos a partir do texto orixinal do que é autora AveLIna Pérez, unha peza que obtivera o Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta en 2018. No caso de Recortes, caneos e outras formas de driblar, publícase a dramaturxia realizada por Xosé L. Prieto sobre unha obra aínda inédita de Nacho Carretero.
O obxectivo da colección O papel do teatro é dotar de maior permanencia a estas obras, que se poñen así a disposición do público lector para aumentar o ciclo de difusión do proxecto escénico e, ao tempo, incrementar o catálogo de pezas dramáticas escritas en galego. Os dous volumes poden obterse a través da compra en liña na Libraría Institucional da Xunta de Galicia e estarán tamén nos andeis dos principais establecementos galegos de venda.
Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, Ás oito da tarde, cando morren as nais estreouse en abril deste ano e realizou ata o pasado xuño 33 funcións, entre as programadas no salón Teatro de Santiago de Compostela e nos escenarios da xira que chegou a Cee, Cedeira Catoira e A Estrada, ademais de ás localidades portuguesas de Coímbra e Beja. Cun elenco composto por Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado, a obra sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción.
Pola súa banda, Recortes, caneos e outras formas de driblar é unha produción do Centro Dramático Galego e a compañía Ainé que recrea con música e humor un de tantos partidos de fútbol a través do comportamento de xogadores, adestradores, xornalistas, directivos, árbitros, seareiros e demais personaxes principais, secundarios ou figurantes que conforman o denominado deporte rei. Interpretada por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta, o espectáculo representouse do 29 de setembro ao 25 de outubro no Salón Teatro e continúa nestes momentos a súa distribución por Galicia, con próximas funcións en Burela (7 de xaneiro), Lugo (14 de xaneiro), Vilagarcía (21 de xaneiro) e A Coruña (27 e 28 de xaneiro), despois de ter pasado xa por Carballo, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra e Cangas.