Nova: O cineasta James Benning imparte no CGAI unha clase maxistral
25/03/2015
O cineasta James Benning imparte no CGAI unha clase maxistral
A Filmoteca de Galicia proxecta a partir do xoves unha antoloxía do artista estadounidense, referente do cinema estruturalista, centrada na súa prolífica produción dos últimos anos e rodada exclusivamente en HD
Tras compartir mesa con Lois Patiño nun encontro co público na sesión do sábado 28, o luns 30 impartirá unha clase maxistral arredor do seu proxecto ‘Two Cabins’ para a que están a piques de esgotarse as 70 prazas ofertadas
A Coruña, 25 de marzo de 2015.- O cineasta estadounidense James Benning desprazarase á Coruña nos próximos días convidado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), onde mañá dará comezo unha antoloxía arredor dos seus últimos anos de prolífica produción, rodada exclusivamente en dixital. O ciclo, organizado en colaboración coa Casa Encendida de Madrid, inclúe un coloquio e unha master class co artista de Milwaukee, considerado un dos máximos expoñentes do cinema estruturalista.
O sábado 28 James Benning compartirá mesa co director galego Lois Patiño para manter un encontro co público que asista á proxección do seu filme ‘Ruhr’ (2009), o primeiro que rodou fóra dos Estados Unidos e que marca o seu abandono do celuloide a prol do formato HD. A sesión, de acceso libre ata completar a capacidade, dará comezo ás 18.00 horas.
Ademais, o luns 30 o creador norteamericano ofrecerá unha clase maxistral, para a que o CGAI está a piques de esgotar as 70 prazas dispoñibles. Benning achegaralles aos participantes as chaves do seu proxecto ‘Two Cabins’ ou, nas súas propias palabras, “unha mirada cara aos sitios, as construcións, as obsesións e os bordes... a través da Internet, o cine, videoclips, pinturas, fotos, serigrafías, colchas e textos... nun intento de localizar o lugar e/ou o non lugar”. A inscrición para esta master class, que será impartida en inglés en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.30 h, é gratuíta e permanece aberta a través do correo electrónico programacion.cgai@xunta.es.
Segunda visita
Esta é a segunda visita de Benning á filmoteca dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que xa o recibiu en 2009 con motivo da retrospectiva que, daquela volta, se centrou nos seus últimos 13 filmes en 16 milímetros.
Agora e baixo o título ‘James Benning: Film / Time / HD’, o ciclo comisariado polo programador e profesor universitario Gonzalo de Pedro dedícase á súa última etapa artística que, ademais de polo cambio de formato, vén definida tanto pola súa explosión creativa (30 películas en 6 anos), como pola ampliación do campo de experimentación: o “found footage” con materiais de Internet, os filmes políticos, a investigación coa palabra escrita e a reescritura de Warhol, Cassavetes ou Denis Hooper, ademais do seu traballo paixasístico.
Vínculos con Linklater
Este especial arrancará mañá xoves, ás 20.30 horas, con ‘One Way to Boogie Woogie’ para continuar o venres coas proxeccións de ‘Twenty Cigarrettes’, ‘After Warhol BJ’ e unha sesión de curtametraxes. O ciclo estenderase á semana que vén con dúas xornadas (martes 31 de marzo e mércores 1 de abril) arredor dos vínculos que existen entre Benning e o seu amigo Richard Linklater, realizador da premiada ‘Boyhood’.
En concreto, proxectaranse ‘Natural History’ de Benning e ‘Antes del anochecer’ de Linklater, ademais do documental ‘Double Play: James Benning & Richard Linklater’, a estrea como director do escritor e programador Gabe Klinger, que recolle unha xuntanza entres estes dous amigos, unidos pola relación das súas respectivas obras co seu tempo.
A programación completa pode consultarse no web www.cgai.org.