A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra poñen en marcha unha caixa de correo virtual na que se recollerán propostas, ideas e suxestións que permitan enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga de Vigo. Trátase dunha medida incluída na campaña O mellor espazo busca o mellor contido, un proceso participativo que inclúe, ademais da creación da caixa de correo virtual, a elaboración dun calendario de xuntanzas presenciais con diferentes colectivos e representantes do sector cultural e a veciñanza nas que recoller as súas demandas e debater as propostas achegadas a través do enderezo electrónico.
As entidades e persoas interesadas poderán enviar as súas achegas a través do enderezo propostas@teatrofraga.gal. O obxectivo é escoitar as demandas tanto da cidadanía como do sector para, en base a elas, construír o mellor proxecto para Vigo e avanzar nos seguintes retos e liñas de traballo prioritarios:
- Fortalecemento da industria cultural e creativa galega
- Transformación dixital da cultura galega
- Actualización da rede de equipamentos culturais de Galicia
- Impulso da creación e da oferta cultural
- Fortalecemento da produción en galego
- Valorización do patrimonio cultural de Galicia
O prazo de envío de propostas rematará a finais de setembro de 2024.