Premio: IV Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
IV Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da man da Fundación Cidade da Cultura convoca a cuarta edición dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia, que nesta edición conta co patrocinio de Abanca e Afundación e a colaboración do Igape.
A convocatoria ábrese o 2 de xuño e permanecerá aberta ata o 8 de xullo e, con ela, a Cidade da Cultura busca poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades: aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet, proxectos na área do deseño, creación artística e plástica e na área da xestión cultural.
O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta durante doce meses ao Centro de Emprendemento do Gaiás e un premio en metálico de 2.000 euros para cada proxecto para contribuír ao financiamento da nova empresa. Dous dos premios están patrocinados por Afundación e Abanca, respectivamente, e esta cuarta edición conta coa colaboración do Igape.
Criterios de avaliación
Esta cuarta convocatoria está destinada a titulados de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas, titulados e diplomados de escolas de arte, licenciados e diplomados universitarios en humanidades e/ou calquera outra rama artística e calquera outra persoa licenciada ou diplomada con vinculación no emprendemento cultural e que desexen desenvolver a súa actividade na Cidade da Cultura.
Xunto coa solicitude de participación, os interesados deberán presentar os seus traballos e documentación acreditativa da súa formación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Tanto as bases do concurso como a solicitude de inscrición están dispoñibles en www.cidadedacultura.gal e www.edu.xunta.es.
Á hora de avaliar os proxectos terase en conta –e por orde de importancia- o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia. Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro 30 de setembro.