Premio: X Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

X Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

O Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o X Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos terminará o 12 de maio de 2017 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a última quincena de xuño, no marco as actividades da XVII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.

Ao X Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.
Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou pseudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -español, galego, catalán, eúscaro e portugués- en novembro de 2017. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da literatura e a ilustración infantil. As bases completas de participación no X Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse nas páxinas web de Kalandraka (www.kalandraka.com) e do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.gal).

Estado do trámite: Resolto

Comparte