Premio: XI Certame Condado de Pallares
XI Certame Condado de Pallares
Organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares
Nesta XI edición do certame poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa do 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos Concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, as cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares. Os interesados en participar teñen ata o 31 de outubro para presentar os seus traballos. O gañador recibirá un premio de 3.000 euros, a parte de ver publicada a súa obra.
Bases do concurso
As bases do Certame de Investigación do Condado de Pallares son as seguintes:
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa de 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
2. A extensión dos escritos é ilimitada, e contarán cun mínimo de cen folios. Deberán ser presentados por cuadriplicado, en formato DIN A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara con tipografía Times New Roman, tamaño 12. Xuntarase tamén unha copia en formato dixital.
3. Os orixinais serán enviados por correo certificado, baixo plica, no que figurarán os datos do autor/a, o lugar de residencia, teléfono e currículo, ao seguinte enderezo: Asociación de amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Casa reitoral, Nº 6 – Ferreira de Pallares – 27211 Guntín (Lugo), indicando no sobre: X Certame Condado de Pallares. O prazo de presentación rematará o 31 de outubro de 2017.
4. Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao autor/a da obra que reúna suficientes méritos científicos. O premio poderá ser declarado deserto.
5. O Xurado estará composto por tres membros de recoñecido prestixio do mundo da cultura galega, designados polas institucións que convocan o certame. Actuará de secretario un directivo da Asociación, con voz e sen voto.
6. O Xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o día 25 novembro.
7. O acto de entrega do citado premio será no Auditorio de Chantada no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
8. As institucións resérvanse todos os dereitos sobre o traballo gañador, incluído o da súa publicación na primeira edición sempre e cando as achegas económicas permitan a publicación do mesmo. Neste caso, a obra gañadora será publicada na normativa oficial e a organización entregaralle 25 exemplares.
9. Os orixinais non premiados serán enviados aos autores/as e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, sempre que o soliciten por escrito. Transcorrido dito tempo, serán destruídos.
10. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación de todas as normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se designe. O seu fallo será inapelable.
Membros no xurado
Coma sempre, o xurado está composto por 3 profesionais do sector cunha ampla traxectoria recoñecida no ámbito dos estudos histórico e da Universidade. Estes son:
- Carlos Baliñas Pérez: é un escritor e historiador galego que estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Historia Medieval en 1984 e se doutorou en 1990. No 1992 exerceu como profesor da British Academy. En 1988 comezou a traballar como docente e investigador no campus de Lugo da USC, como profesor axudante de Historia Medieval converténdose en 1999 en Profesor Titular. Foi secretario e vicedecano da Facultade de Humanidades de Lugo.
- Gonzalo Francisco Fernández Suárez: é un escritor e Doutor en historia. Exerce tamén a súa labor coma Docente da Área de Ciencias e Técnicas Historiográficas na Facultade de Humanidades dende o curso 2003-2004. A súa investigación versa na documentación nobiliaria, municipal, das Xuntas do Reino de Galicia e na notarial, entre outros.
- Fernando Arribas Arias: É diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica e licenciado en Humanidades pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como técnico de difusión do Museo Provincial de Lugo. Foi membro da comisión territorial do Patrimonio Histórico-Artístico da Xunta de Galicia en Lugo e da comisión técnica de Arqueoloxía da Xunta de Galicia. É socio-fundador de diversas asociacións relacionadas co patrimonio cultural e, actualmente, é o secretario da Asociación de Amigos do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos.