Premio: Premio Illa Nova de Narrativa 2018
Premio Illa Nova de Narrativa 2018
Para autores e autoras menores de 35 anos
Coa finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, a Editorial Galaxia convoca a segunda edición do Premio Illa Nova de Narrativa.
O 12 de xaneiro de 1957 Xaime Isla Couto, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego, entre outros, reunían aos novos valores da literatura galega en Compostela para presentarlles a colección Illa Nova. Naquela xuntanza estaban Xosé Luís Méndez Ferrín, X. L. Franco Grande ou Xosé Manuel Beiras para celebrar unha nova canle expresiva que nacía para eles.
Xohana Torres, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.
Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, nacía en 2017 o Premio Illa Nova de Narrativa, recuperando 60 anos despois o espírito de dar voz ás xeración máis novas co obxectivo de estimular a creación. Un ideal que a Editorial Galaxia buscar manter agora que se convoca a segunda edición despois do éxito da novela gañadora na anterior convocatoria: A vida sinxela de Marcelo Firmamento de Vanesa Santiago (Fontán, 1983).
Poderán participar no Premio aqueles autores e autoras menores de 35 anos que teñan unha novela ou un conxunto de relatos inéditos. O premio está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora será publicada na colección Literaria da Editorial Galaxia. O prazo para a recepción de orixinais estará aberto ata o 15 de xaneiro de 2018 e o fallo darase a coñecer no mes de marzo nun acto de entrega se celebrará na cidade de Vigo.
Consulta as bases do premio na web da editorial Galaxia.