Premio: VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O prazo de presentación das obras será do 30 de xuño ao 15 de setembro de 2018

O Festival Outono Fotográfico, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, convoca a sexta edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.

O certame está dotado cun único premio que consiste na produción dunha exposición temporal que se inaugurará entre os meses de novembro e de decembro de 2018 no marco do Festival Outono Fotográfico e que poderá itinerar durante dous anos dentro da súa programación e tamén da que promovan con tal motivo tanto a Deputación de Lugo como a Xunta de Galicia. A edición do libro co traballo gañador, dentro da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF, completa o galardón deste certame fotográfico. Ademais, unha selección de fotografías do proxecto formará parte do libro do Festival Outono Fotográfico do ano seguinte.

Os autores e as autoras participantes deberán presentar un proxecto fotográfico realizado en calquera data comprendida entre setembro de 2008 e setembro de 2018, e que non fora subvencionado ou recibise unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e mais da técnica terán absoluta liberdade.

O prazo de presentación das obras será do 30 de xuño ao 15 de setembro de 2018 e os proxectos enviaranse por correo ou por medio de calquera empresa de transporte a Difusora de Letras Artes e Ideas no enderezo postal que se especifica nas bases do certame.

Estado do trámite: Resolto

Comparte