Premio: III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

Está dotado con 3.000 euros e poderán optar a el as entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública

O Diario Oficial de Galicia publicou o 11 de agosto as bases e convocatoria do III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, un recoñecemento impulsado pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo impulsar e visibilizar os proxectos e boas prácticas levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais.

Os proxectos que se presenten á convocatoria deberán estar xa executados. Ademais terán que estar relacionados coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, sustentabilidade ambiental e igualdade e loita contra a violencia de xénero.

O premio está dotado con 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora que se poderá colocar nun lugar visible das instalacións así como nos seus recursos dixitais.

Poderán optar a este recoñecemento as entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, así como as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios común.

 

Prazos e presentación vía electrónica
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código do procedemento CT237A).

Estado do trámite: En trámite

Comparte