Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña, cidade na que reside dende os anos 90.
Tendo apenas dezasete anos gañou o Premio Fermín Bouza Brey de Poesía, o que lle permitiu darse a coñecer coa publicación de Elevar as pálpebras (1995). A partir dese momento iniciou unha carreira meteórica que a levou a publicar algún dos títulos máis destacados da lírica galega das últimas décadas, como Vivimos no ciclo das erofanías (1998) ―Premio Johán Carballeira e Premio da Crítica Española―, Profundidade de campo (2007) ―Premio Espiral Maior― ou A segunda lingua (2014) ―Premio de Poesía Afundación.
Secretaria Xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e directiva da mesma durante anos, o seu intenso labor como conferenciante, recitadora e articulista convértea nunha inestimable embaixadora da literatura e a cultura de Galicia, que ten representado en diversos foros por todo o orbe, incluído Arxentina e outros países de Hispanoamérica, como Venezuela, Perú, Colombia ou Nicaragua.
Guionista e presentadora de televisión, comisaria de mostras de Arte e poesía, autora infantoxuvenil, tradutora e ensaísta, a súa escrita tense vertido a unha vintena de idiomas.
Dende hai máis dun lustro dirixe na Coruña o ciclo Poetas Di(n)versos, foro mensual no que creadores galegos e de todo o mundo recitan os seus textos. Na mesma liña, coordina tamén un Obradoiro Internacional de Tradución Poética que se celebra cada outono na emblemática illa de San Simón, próxima a Vigo, evento no que teñen participado autores das máis variadas procedencias e continentes.
Nos últimos anos traballou intensamente en proxectos nos que a poesía (propia e non só) hibrida con outras artes, como a plástica, música, performance, danza, arquitectura, audiovisual ou mesmo a gastronomía. Desta fusión interartística teñen nacido interesantes publicacións como o libro-cd Edénica (2000) ou a súa colaboración como letrista de músicos como Guadi Galego ou Rosa Cedrón.