Antón Lopo

Antón Lopo (Monforte de Lemos, Lugo, 1961), xornalista e performer, é un escritor poliédrico que ten cultivado tanto a poesía como a narrativa, igual o teatro que o ensaio e mesmo a tradución.

Ferroviario hai tempo e actor de dobraxe, foi durante máis de vinte anos o coordinador da moi premiada Revista das Letras, suplemento referencial dentro do eido literario galego que publicaba o xornal, xa desaparecido, Galicia Hoxe.

Como poeta deuse a coñecer con Sucios e desexados (1988), para logo publicar Manual de masoquistas (1991), Á sombra dos rapaces mexando (1996), OM (1997), Pronomes (1998), Fálame (2004) e Libro dos amados (2005), obras nas que a problemática da identidade e a presenza do homoerotismo constitúen eixos vertebradores dunha poética nas que pula o cotián elaborado e o equilibrio antirretórico.

Novelista recoñecido, o Premio Café De catro a catro abriulle as portas á publicación de As reliquias (1991), tras da que viñeron O riso de Isobel Hill (2000), Ganga (2001) e Obediencia (2010), Premio Manuel García Barros.

Dramaturgo en Os homes só contan ata tres (2006) ―Premio Álvaro Cunqueiro― e tradutor de Oscar Wilde en A balada do cárcere de Reading (2003), ten desenvolvido un intenso labor como ensaísta, sobre todo nos eidos da investigación literaria, como na coordinación de Fermín Bouza Brey. Unha fotobiografía (1992) ou as propostas noveladas As tres mortes de Lorenzo Varela (2005), A distancia do lobo. Biografía de Uxío Novoneyra (2010) e A palabra exacta (2011), arredor do poeta Lois Pereiro.

Artista interdisciplinar, fundou coa escritora e xornalista Ana Romaní o Laboratorio de Indagacións Poéticas e forma parte do colectivo de intervención sociocultural Redes Escarlata.

Nos últimos anos intensificou a súa actividade como performer, hibridando o versal e o escénico en intervencións das que participan tamén o fotográfico, o videográfico, a instalación e a memoria, como Prestidixitador (2001), Accións (2003), Dentro (2005) ou Lampíricos (2012).