Aviso: Formalización do contrato de obras de restauración integral dos cubos LXX e LXXI da muralla romana de Lugo

Formalización do contrato de obras de restauración integral dos cubos LXX e LXXI da muralla romana de Lugo

A Consellería de Cultura, Educacion e Ordenación Universitaria publica a Resolución do 31 de maio de 2017 pola que se fai pública a formalización do contrato de obras de restauración integral dos cubos LXX e LXXI da muralla romana de Lugo, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 6, prioridade de investimento 6.3, obxectivo específico 6.3.1, actuación 6.3.1.1 Intervencións no patrimonio cultural (contratación documentalmente simplificada).

A intervención prevista contempla diversas actuacións previas consistentes na instalación de apeos estruturais, a retirada da saburra compactada do remate superficial do pavimento, a demolición da lousas de formigón armado existentes a diferentes niveis e o baleirado de capas de areas entre as lousas por medios manuais.

Logo levaranse a cabo diversas actuacións de restauración, comezando pola escavación arqueolóxica do solo dos cubos, continuando coa execución da gabia e a zapata de cimentación para a construción dun muro e contrafortes de lousa con morteiro de cal e area.

Os traballos rematarán coa formación da soleira, a base de morteiro de cal e area, a colocación dunha lámina impermeabilizante de caucho de butilo entre xeotextís, que impida que se filtre auga, e a execución de capa protectora de morteiro de cal e area, a capa de arxila natural e a capa de remate saburra, repoñendo así o chan ao seu estado orixinal. A actuación contará con todas as cautelas arqueolóxicas e medioambientais precisas e terá un prazo de execución de seis meses.

Máis información neste enlace: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170616/AnuncioG0164-050617-0001_gl.pdf

Comparte