Axudas, subvencións e bolsas : Licitadas as obras para recuperar a imaxe orixinal da capela de San Pedro de Leiro
Licitadas as obras para recuperar a imaxe orixinal da capela de San Pedro de Leiro
Cun investimento superior aos 130.000 euros
A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación as obras de consolidación estrutural e restauración das cubertas da capela de San Pedro de Leiro cun investimento superior aos 130.000 euros tal e como recolle o Portal de Contratación do Goberno galego. Trátase dunha actuación que conta cun período de execución previsto de seis meses e que se centrará principalmente na estrutura, nas condicións de estanquidade e de ventilación, nos elementos interiores, no exterior e na súa seguridade e iluminación co obxectivo de recuperar a imaxe orixinal desta capela.
A capela de San Pedro de Leiro é un edificio construído no século XVI que sofre diferentes patoloxías na súa estrutura e cuberta que fan necesaria esta actuación impulsada desde o Goberno galego. Concretamente, a capela presenta graves problemas na formación das bóvedas con visibles fendas e un gran desaxuste do arco toral que separa a nave do presbiterio. Tamén existe no interior unha estrutura de madeira que ocupa o primeiro tramo da nave que impide visualizar ás bóvedas e que deteriora a calidade espacial do interior da igrexa. Outro elemento discordante neste inmoble é a espadana que foi construída posteriormente e que non aparece na súa situación orixinal.
Ademais destas patoloxías, a igrexa tamén sofre filtracións e problemas na estrutura de madeira que soporta a cuberta de tella e nos paramentos, que deberán ser renovados coas cautelas habituais neste tipo de actuacións.
Para levar a cabo todas estas actuacións, que permitirán resolver todos os problemas e recuperar a imaxe orixinal da capela de San Pedro de Leiro, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Ourense. Trátase dun acordo que recolle a posta a disposición por parte da Igrexa dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta capela
Incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia
A capela de San Pedro de Leiro está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Está composta por un edificio de pequenas dimensións de planta rectangular cunha única nave de dous tramos e unha cabeceira cadrada. Ademais, atópase cuberta con tres bóvedas de cruzaría de potente nervadura que descansan sobre pilastras e paramentos. Toda a capela está construída con cantería de granito.
Estado de tramite: En trámite