Dinamización: 150 ANOS DE CANTARES GALLEGOS

150 ANOS DE CANTARES GALLEGOS

Celebración do aniversario dunha obra clave da literatura galega

O 17 de maio de 1863 vía a luz o libro de poemas 'Cantares Gallegos', co que Rosalía de Castro arrancaba unha nova etapa de esplendor para a literatura galega e para a recuperación cultural de Galicia.

Ler máis

Co obxectivo de conmemorar os 150 anos da publicación desta obra, a Xunta e as principais institucións culturais galegas promover un amplo programa de actividades nos próximos meses. Este 2013 será un ano para saudar novas edicións da obra de ‘Cantares Gallegos’, para escoitar a Rosalía cantada, para redescubrir a súa obra a través da imaxe e das artes escénicas ou para afondar na súa figura a través de diversas mostras expositivas.

Esta celebración de tanta transcendencia para a cultura e a lingua galegas vai estar presente na axenda dos próximos meses. Aquí tes unha mostra das principais propostas que se realizarán para celebrar esta efeméride e afondar na vida e na obra de Rosalía de Castro:

- Actuacións de difusión social de Cantares Gallegos
Exposición itinerante 'No principio foi o verso. O cantar dos Cantares'. Co fin de difundir nas principais cidades galegas a obra poética da autora, a Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo organizan, co patrocinio da Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Fundación Barrié, e coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo, unha exposición itinerante sobre esta obra emblemática da literatura galega, sobre a súa autora e a súa época.

- Rosalía e Cantares Gallegos nas bibliotecas

A Biblioteca de Galicia promove en 2013 unha mostra bibliográfica arredor de Cantares Gallegos, cunha selección de edicións desta obra, desde a publicación primeira en 1863 ata os nosos días, partituras de composicións de tema rosaliano, adaptacións infantís,
traducións etc. As bibliotecas nodais situadas nas principais cidades galegas, dependentes tamén da Secretaría Xeral de Cultura, ofrecerán unha programación de actividades e mostras arredor de Rosalía.

- Rosalía a través da música e das artes
 

  • Concerto das voces máis novas sobre versos de Rosalía, coa participación do alumnado de conservatorios, escolas de música e coros infantís de toda Galicia, organizado polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
  • Discografía rosaliana. Recompilación no web da Secretaría Xeral de Cultura das principais gravacións existentes da música de Rosalía, para reforzar a capacidade de difusión da súa obra en forma de canción.
  • Espéctaculo itinerante Rosalía, do Centro Coreográfico Galego. Danza para conmemorar o 150º aniversario de Cantares Gallegos.
  • Cantares Gallegos en Espazos Sonoros: concerto sobre versos de Rosalía dentro do ciclo de música Espazos Sonoros en lugares destacados do noso patrimonio, da Secretaría Xeral de Cultura
  • Presentación do libro-disco 'Cantares gallegos. Músicas para o 150.º aniversario da súa publicación' o 16 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela. O tenor Joaquín Pixán e o pianista Alejandro Zabala recuperan poemas rosalianos musicados por recoñecidos compositores, como García Abril, Gaos e Octavio Vázquez.

- Rosalía en pantalla

  • Ciclo Paisaxes do Romanticismo. Arredor de Rosalía de Castro, organizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Programación de películas ambientadas na época da escritora para comprender a época e o ambiente cultural europeo do século XIX.
  • Estrea na TVG dun documental sobre a efeméride de Cantares Gallegos, de elaboración propia, no que se incluirán tamén interpretacións musicais. A CRTVG promove, así mesmo, varios especiais sobre esta efeméride na súa programación estable, tanto da Televisión de Galicia como da Radio Galega, Cantares Gallegos contará, ademais, cunha canle temática propia no web da compañía, que agrupará todo o material audiovisual que se vaia xerando ao longo do ano.
  • A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan o concurso Imaxina Cantares! para que os máis novos poidan gozar da obra rosaliana a través de producións en soporte audiovisual. O certame está dirixido a alumnado dos centros educativos de titularidade pública, coordinado por profesorado pertencente aos Equipos de Dinamización da Lingua Galega.

- Edicións conmemorativas

  • Edición facsimilar da primeira edición de Cantares Gallegos, promovida polo Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
  • Edición ilustrada de Cantares Gallegos, por Pepe Barro, editada por El Patito Editorial, coa colaboración da Xunta de Galicia.
  • Edición dixital da primeira edición de Cantares Gallegos realizada e difundida pola Biblioteca de Galicia.

- Difusión exterior de Cantares Gallegos

  • Edición en inglés de Cantares Gallegos, na colección Galician Classics, promovida pola Xunta de Galicia e Small Station Press.
  • Actividades nos lectorados de lingua e cultura galegas de universidades de todo o mundo, coordinadas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

- Acondicionamento da casa familiar de Rosalía en Padrón
A chamada Casa da Matanza é un referente da posta en valor da figura e da obra da poeta do Sar. Coa idea de recuperala como epicentro cultural arredor de Rosalía foi mercada en 1946 por un grupo de benfeitores que meses despois crearon a fundación para iniciar as primeiras restauracións. Foi en 1971 cando se puido inaugurar como Casa-Museo. Desde entón, a Casa-Museo foi ampliando as súas dependencias e actividades.

Comparte