Dinamización: UN PROGRAMA DE EXPOSICIÓNS PARA OS MESES DE CHUVIA

UN PROGRAMA DE EXPOSICIÓNS PARA OS MESES DE CHUVIA

Exposicións nos museos galegos

Os meses de outono e de inverno invitan coa súa habitual climatoloxía a quedar de portas a dentro. Unha das opcións máis adecuadas por tanto para pasar as tardes é a de visitar museos e exposicións, aproveitando así para descubrir nalgúns casos artistas e historias e noutros casos para redescubrilos.

Ler máis

Os museos do Sistema de Museos de Galicia ofrecen diversas posibilidades e opcións para estes días de chuvia. Desde o Museo do Mar de Galicia en Vigo e a súa visión do peso do océano na vida galega, ata o Museo do Viño en Ribadavia ou o Etnográfico no Cebreiro, as opcións son moi variadas, e máis se temos en conta que estes son só uns poucos exemplos.

Á oferta habitual dos museos galegos súmanselle ademais durante esta temporada de outono-inverno unhas cantas exposicións temporais que aumentan a diversidade e as opcións dos visitantes. A Sala de Exposicións Afundación, en Ourense, acolle ata o vindeiro 20 de xaneiro a mostra Marcelo Macías. 175 aniversario, que permite descubrir a historia e o traballo realizado polo mentor do Museo Arqueolóxico de Ourense. En Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) conta cunha programación de exposicións e actividades, que se pode consultar na Axenda de Cultura.  Precisamente, este ano o centro está  a celebrar o seu 25 aniversario.

E, como peza destacada no programa de exposicións para estes meses, o Museo Gaiás exhibe por primeira vez en Galicia e ata o próximo 3 de marzo A derradeira leición do mestre, a obra icónica de Castelao. Acontece no marco da mostra Castelao Maxistral, unha homenaxe a Castelao e aos protagonistas do ensino público no primeiro terzo do século XX.

Comparte