Patrimonio: ANTEPROXECTO DE LEI DO PATRIMONIO CULTURAL

ANTEPROXECTO DE LEI DO PATRIMONIO CULTURAL

Aberto o prazo de alegacións ao texto

A protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural son pedra angular de cohesión social e desenvolvemento sostible. A proposta de nova regulación para o ámbito do patrimonio cultural galego procura a ponderación e integración da protección do patrimonio nas demais políticas sectoriais, a colaboración interadministrativa e a participación cidadá.

 

Ler máis

Ademais, tamén busca unha simplificación tanto no aspecto lexislativo como no administrativo e, moi particularmente, na clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia. Integra tamén a protección dos Camiños de Santiago no conxunto da protección do patrimonio cultural e devólvelles o protagonismo aos concellos neste ámbito tan importante para o país.

Para lle dar cumprimento ao disposto no artigo 9 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no artigo 7 do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia e no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición pública o anteproxecto de Lei do patrimonio cultural de Galicia, que está en fase de tramitación.

As organizacións, as asociacións e a cidadanía, en xeral, poden facer as proposicións, as suxestións ou as recomendacións que estimen oportunas a este anteproxecto de lei desde o día da súa publicación ata o 8 de xullo de 2015, ambos os dous incluídos.

Comparte