Patrimonio: JOSÉ SUÁREZ. OLLADA GALEGA DE VANGARDA
JOSÉ SUÁREZ. OLLADA GALEGA DE VANGARDA
Un patrimonio fotográfico para ver no Gaiás
A figura e obra de José Suárez (1902 –1974), unha das máis interesantes e destacadas da fotografía galega do século XX, faise protagonista no Museo Centro Gaiás coa exposición 'Uns ollos vivos que pensan'. É a maior realizada sobre o fotógrafo de Allariz, admirado por Miguel Unamuno, Rafael Alberti, Francisco Ayala, Luís Seoane ou Eduardo Blanco Amor; amigo de Kurosava; e corresponsal de prensa en prestixiosas revistas como Life....
As súas imaxes máis icónicas da serie Mariñeiros ata outras nunca antes expostas procedentes da súa viaxe ao Xapón ou as últimas que realizou na súa vida, como 'A Mancha', poden verse desde o 13 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia.
As 206 fotografías e 150 obxectos persoais -entre elas a carta que levaba sempre no peto coas instrucións precisas para o seu enterro- axúdannos a comprender a importancia dun personaxe e dunha obra pouco usual para a época.
Detrás do espello da súa cámara escura, hai uns ollos vivos que pensan. Ata o 27 de marzo de 2016 no Museo Centro Gaiás. A entrada é de balde.