Patrimonio: NOVA LEI DO PATRIMONIO CULTURAL

NOVA LEI DO PATRIMONIO CULTURAL

Unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego

Mil formas foron configurando, ao longo do tempo, a identidade cultural galega. Son as que tamén lle outorgan hoxe a Galicia a súa proxección de futuro. O patrimonio cultural de todos.

 

Ler máis

Este é o espírito da LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia . O novo texto legal, aprobado polo Parlamento de Galicia e publicado no Diario Oficial de Galicia o 16 de maio de 2016, ten como obxecto a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fo­mento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xera­cións futuras.

O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueoló­xico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñece­mento e identidade da cultura galega a través do tempo. Tamén, por todos aqueles bens ou manifesta­cións inmateriais de interese para Galicia.

Os contidos da nova lei
O título I establece a clasificación dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia (establece dúas as categorías de bens). Pártese da consideración de que os bens inmo­bles non se poden considerar como elementos illados senón que se entenden integrados nun contexto que é o seu territorio. Como principal novidade neste aspecto, a lei establece en que tipo de bens será necesaria sempre a delimitación dun contorno de protección, e crea un novo instrumento, a zona de amortecemento. Crea tamén o Censo do Patrimonio Cultural como instrumento de publicidade e transparencia.

O título II regula o réxime xenérico de protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia, que se aborda desde distintas perspectivas, tanto desde o punto de vista dos deberes e obrigas das persoas titulares, posuidoras e arrendatarias e dos demais titulares de dereitos reais, coma desde o punto de vista do establecemento do réxime de intervencións autorizables.

No título III a lei introduce precisións respecto do réxime de protección específico para os bens declarados de interese cultural, os máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia.

No título IV establece o réxime específico de protección dos bens do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

No seu título V a lei inclúe unha importante novidade: a regulación, nun título específico e separado, das peculiaridades propias do patrimonio inmaterial, tendo en conta a súa na­tureza e as medidas específicas de protección. Aínda que a lingua, como elemento identitario, ten a súa regulación especifica na Lei de normalización lingüística, aprovéitase nesta lei para situala como canle pola que vehiculi­zar o noso patrimonio inmaterial.

O título VI integra nesta lei a regulación específica do réxime de protección dos Cami­ños de Santiago. Cúmprese así co principio de simplificación lexislativa, ao agrupar as regulacións.

O título VII regula os distintos patrimonios específicos integrantes do patrimonio cultural de Galicia. Establece a categorización que encerra a semántica de calquera concepto na linguaxe xurídica, a través da detección dos valores relevantes para os efectos propios dun texto normativo útil que non pretende ser científico nin acadé­mico, aínda que beba desas fontes de coñecemento.

O título VIII establece o réxime dos museos e crea a Rede e o Sistema de Museos de Galicia. O título regula os museos e as coleccións visitables.

O título IX regula o fomento do patrimonio cultural de Galicia. Establece medidas esenciais para a súa difusión e para favorecer a súa conservación, e incorpora e actua­liza a regulación contida na Lei 12/1991, do 14 de novembro, de traballos de dotación artística nas obras públicas e Camiños de Santiago da Comunidade Autónoma de Galicia.

O título X regula a actividade inspectora e o réxime sancionador. A clarificación na de­terminación dos tipos de infracción e as garantías que asisten os presuntos infractores ou infractoras. O réxime sancio­nador vén ser así o peche do sistema, sen o cal toda actividade da Administración cultural se convertería en mera ficción ou desiderátum e carecería dunha auténtica xuridicidade, sen que, non obstante, isto menoscabe a aposta prioritaria polas políticas de fomento e estímulo.

A parte final da lei inclúe unha serie de previsións destinadas a ordenar e a definir os compromisos de desenvolvemento regulamentario e de posta á disposición da cidadanía dos distintos instrumentos de publicidade dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, así como a establecer as normas de transitoriedade necesarias e a delimitar a en­trada en vigor das distintas obrigas establecidas nesta lei.

Comparte