Patrimonio: NOVA LEI DO PATRIMONIO CULTURAL
NOVA LEI DO PATRIMONIO CULTURAL
Unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego
Mil formas foron configurando, ao longo do tempo, a identidade cultural galega. Son as que tamén lle outorgan hoxe a Galicia a súa proxección de futuro. O patrimonio cultural de todos.
Este é o espírito da LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia . O novo texto legal, aprobado polo Parlamento de Galicia e publicado no Diario Oficial de Galicia o 16 de maio de 2016, ten como obxecto a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras.
O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo. Tamén, por todos aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia.
Os contidos da nova lei
O título I establece a clasificación dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia (establece dúas as categorías de bens). Pártese da consideración de que os bens inmobles non se poden considerar como elementos illados senón que se entenden integrados nun contexto que é o seu territorio. Como principal novidade neste aspecto, a lei establece en que tipo de bens será necesaria sempre a delimitación dun contorno de protección, e crea un novo instrumento, a zona de amortecemento. Crea tamén o Censo do Patrimonio Cultural como instrumento de publicidade e transparencia.
O título II regula o réxime xenérico de protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia, que se aborda desde distintas perspectivas, tanto desde o punto de vista dos deberes e obrigas das persoas titulares, posuidoras e arrendatarias e dos demais titulares de dereitos reais, coma desde o punto de vista do establecemento do réxime de intervencións autorizables.
No título III a lei introduce precisións respecto do réxime de protección específico para os bens declarados de interese cultural, os máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia.
No título IV establece o réxime específico de protección dos bens do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
No seu título V a lei inclúe unha importante novidade: a regulación, nun título específico e separado, das peculiaridades propias do patrimonio inmaterial, tendo en conta a súa natureza e as medidas específicas de protección. Aínda que a lingua, como elemento identitario, ten a súa regulación especifica na Lei de normalización lingüística, aprovéitase nesta lei para situala como canle pola que vehiculizar o noso patrimonio inmaterial.
O título VI integra nesta lei a regulación específica do réxime de protección dos Camiños de Santiago. Cúmprese así co principio de simplificación lexislativa, ao agrupar as regulacións.
O título VII regula os distintos patrimonios específicos integrantes do patrimonio cultural de Galicia. Establece a categorización que encerra a semántica de calquera concepto na linguaxe xurídica, a través da detección dos valores relevantes para os efectos propios dun texto normativo útil que non pretende ser científico nin académico, aínda que beba desas fontes de coñecemento.
O título VIII establece o réxime dos museos e crea a Rede e o Sistema de Museos de Galicia. O título regula os museos e as coleccións visitables.
O título IX regula o fomento do patrimonio cultural de Galicia. Establece medidas esenciais para a súa difusión e para favorecer a súa conservación, e incorpora e actualiza a regulación contida na Lei 12/1991, do 14 de novembro, de traballos de dotación artística nas obras públicas e Camiños de Santiago da Comunidade Autónoma de Galicia.
O título X regula a actividade inspectora e o réxime sancionador. A clarificación na determinación dos tipos de infracción e as garantías que asisten os presuntos infractores ou infractoras. O réxime sancionador vén ser así o peche do sistema, sen o cal toda actividade da Administración cultural se convertería en mera ficción ou desiderátum e carecería dunha auténtica xuridicidade, sen que, non obstante, isto menoscabe a aposta prioritaria polas políticas de fomento e estímulo.
A parte final da lei inclúe unha serie de previsións destinadas a ordenar e a definir os compromisos de desenvolvemento regulamentario e de posta á disposición da cidadanía dos distintos instrumentos de publicidade dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, así como a establecer as normas de transitoriedade necesarias e a delimitar a entrada en vigor das distintas obrigas establecidas nesta lei.