Patrimonio: RECUPERACIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO

RECUPERACIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Cultura e Educación remata a delimitación oficial do Camiño Francés ata a súa chegada a Santiago de Compostela

Aprobada a proposta do último tramo ata Lavacolla

O Consello da Xunta deu o visto e prace á proposta para o tramo Amenal-Lavacolla, que completa o percorrido do Camiño ata a súa chegada Santiago. Con esta delimitación oficial do Camiño Francés defínese o ámbito xeográfico deste ben de interese cultural, pero tamén a súa área de influencia secundaria, merecente dunha protección adicional ao do territorio histórico.

Ler máis

Estas dúas cuestións aprobadas o pasado ano a través do Decreto 227/2011 complétanse agora coa delimitación acordada para o tramo Amenal-Lavacolla, que supón unha mellora significativa posto que, en canto se proceda á súa sinalización, os peregrinos pasarán por ese camiño en vez de polo itinerario indicado na actualidade, que atravesa os terreos do polígono industrial. Desde o punto de vista patrimonial, favorécese a conservación e integridade do Camiño Real con base nunha das rutas históricas documentadas como Camiño de Santiago.

Este tramo non fora incluído no decreto anterior por ser obxecto de recursos contencioso-adminsitrativos, admitidos a trámite, e estar pendente de resolución xudicial no momento da incoación do expediente. Para desbloquear a delimitación completa do Camiño e abrir a porta á súa recuperación, a Consellería elaborou unha nova proposta de delimitación, que pasou os preceptivos trámites e tivo en conta as alegacións recibidas. Así mesmo, recibiu o ditame favorable do pleno do Comité Asesor do Camiño de Santiago e a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Coruña, a comisión constituída para o efecto na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e da Real Academia galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Tras estes trámites e a aprobación do trazado, inscribirase o tramo no Rexistro de Bens de Interese Cultural e notificaráselle ao Ministerio de Educación, Cultura e deporte para o seu coñecemento.

Deste xeito, a única delimitación restante é a do percorrido dentro do termo do concello de Santiago de Compostela, desde O Pino ata a Catedral. Neste sentido, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural iniciou o estudo específico para analizar de xeito integral a incidencia das diferentes rutas xacobeas neste concello, co fin de realizar unha delimitación conxunta.

Vestixios históricos

O itinerario aprobado axústase ás indicacións establecidas polo Decreto 227/2011 para as situacións nas que, coma nesta, o camiño histórico ten desaparecido ou está nun estado inviable. De acordo con isto, optouse polo trazado con vestixios históricos, identificando a antiga estrada de Lugo – do ano 1853-co trazado principal, tendo en conta ademais que posúe valores ambientais de maior calidade que outros do seu contorno e que o impacto sobre el do polígono industrial do Pino é menor que o doutras opcións.

Ademais, e para sortear a interrupción que supón sobre todos os camiños antigos e tradicionais o aeroporto de Lavacolla, establécese a prolongación da ruta polo camiño de Castrofeito, dirección norte ata o límite entre o Concello do Pino e o de Santiago de Compostela.

Comparte