Patrimonio: CRUZAR A TRAVÉS DAS PEDRAS

CRUZAR A TRAVÉS DAS PEDRAS

Luz verde á restauración e conservación de cinco pontes históricas

As pontes históricas son infraestruturas dun gran valor patrimonial e histórico que forman parte indisociable da paisaxe galega. Á vez, teñen unha compoñente viaria, que apontoa aínda máis a súa necesaria e indiscutible conservación. Rozar as marxes, limpalas doutros elementos engadidos como o formigón ou acondicionar as pedras e asentalas son algunhas das tarefas para lles garantir aínda unha longa vida de paso entre marxe e marxe.

Ler máis

Por iso, ao longo de 2015 a Xunta de Galicia acometerá obras de restauración e mellora por valor de 334.000 euros en cinco pontes históricas na provincia de Ourense e Lugo, que sofren danos provocados por afundimentos, desprendementos, fendas ou invasión da natureza da contorna, entre outras orixes.

En concreto, as actuacións de consolidación levaranse a cabo na ponte de Couso (Avión), na de Éntoma (Barco de Valdeorras), na da Portela (Vilamartín de Valdeorras), na de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e na do Demo (Vila de Cruces-Silleda).

Nos últimos anos, a Xunta de Galicia veu realizando intervencións de restauración e conservación en diversas pontes históricas de diversas localidades de Galicia, como a ponte de Pontedona (Coristanco), a ponte de Traba (Noia), a ponte Marzá (Curtis), a de Pontaleiras (As Neves), a ponte Taboada (Lalín) e a ponte Vea (Teo).

Estas intervencións responden ao interese de mantermos vivas e activas as pontes, e por velar polo estado de conversación que lle esixe o seu valor patrimonial, histórico, paisaxístico e viario.

 

Comparte