Evento: Voces olvidadas. Las mujeres del Hospital de Conxo
Voces olvidadas. Las mujeres del Hospital de Conxo
O Psiquiátrico de Conxo, un dos máis antigos da península, contou desde o comezo (foi creado en 1885) cunhas instalacións modelo, dotadas dos máis modernos equipos e coa atención prestixiosos profesionais. Mais tamén funcionaba cos patróns de xénero propios da época, onde mulleres consideradas naquel momento enfermas eran ingresadas polo feito de tentar transgredir os roles que a sociedade patriarcal lles reservaba no ámbito do fogar. Ser muller e louca supuña un dobre estigma.Eran mulleres silenciadas pola sociedade, recluídas na institución e cun contacto exterior estritamente controlado.
A exposición pretende dar a coñecer a riqueza do fondo do propio Hospital Psiquiátrico de Conxo, transferido ao Arquivo de Galicia en 2012 procedente do Servizo Galego de Saúde. A través destas pezas abórdase o estudo da psiquiatría e da saúde mental desde múltiples aspectos, entre os que se atopa a perspectiva de xénero.
57 pezas entre diagnósticos, historias clínicas, expedientes de ingreso ou fotografías
En total foron seleccionadas 57 pezas entre documentos, fotografías e obxectos, distribuídos en seis vitrinas onde destacan os expedientes de ingreso, as historias clínicas e os diagnósticos das pacientes (moitas veces tan impactantes como "loucura xenital", "loucura histérica" ou "psicose melancólica"), ademais dos tratamentos e a correspondencia que as internas ou a propia institución mantiñan cos seus familiares. Entre estas expóñense cartas de homes agradecendo aos médicos a curación da súas mulleres ou cartas das ingresadas que nunca chegaban a enviarse e se utilizaban para o seu seguimento clínico. Atopamos tamén documentos relacionados coa xestión do centro, tanto no ámbito administrativo como asistencial: libros de rexistro de ingresos, libros rexistros de material...
Moitas mulleres eran internadas no centro por cuestións consideradas enfermidades mentais que hoxe en día non se considerarían tal, mesmo unha depresión post parto. Moitas veces eran os propios homes os que as ingresaban, outras para ocultar circunstancias como embarazos non desexados.
Máis eventos de tipo Exposición