Evento: Último verán en Santa Cristina
Último verán en Santa Cristina
As sensibles e conmovedoras lembranzas dun rapaz que pasa a súa infancia na España franquista.
“Último verán en Santa Cristina”, conta o acontecido a un rapaz de 12 anos que, no ano 1960, pasa o seu último verán nunha praia preto da cidade na que vive. Moitos anos despois, cando xa é un home adulto recibe unhas cartas supostamente propiedade da súa nai xa morta e, na lectura destas cartas, rememora o acontecido aquel verán. Como ademais é fillo de militar, o rapaz vive especialmente os acontecementos da sociedade franquista da época: os desfiles na praza da cidade que coinciden coa estancia de Franco no Pazo de Meirás, a poucos quilómetros de onde el veranea. Entre os seus propios recordos, moi escorados nas lembranzas relacionadas co seu paso de neno a adulto, e as cartas agora coñecidas vai descubrindo a relación da súa propia nai, a muller do militar, cun antigo amigo da xuventude, agora fuxido e enrolado na última partida de guerrilleiros antifranquistas que aínda fica activa en Galicia nese ano de 1960. Para o protagonista, agora un adulto, a lectura das cartas e os recordos non moi precisos que aínda conserva de aqueles anos, dos que pasaron xa máis de trinta, vanlle descubrindo as relacións triangulares da súa nai, o seu pai e o partisano que, inevitablemente, rematarán en traxedia.