Evento: Galiverso no corazón da pedra
Galiverso no corazón da pedra
O proxecto do Galiverso estrea unha nova experiencia de realidade virtual, Galiverso no corazón da pedra que propón unha viaxe ás entrañas da nosa terra para descubrir marabillas naturais, arqueolóxicas, etnográficas e históricas do noso territorio nas que a pedra, a que nos moldea e que, grazas á cantería esculpimos desde tempo inmemorial, será a protagonista.
A través do Galiverso no corazón da pedra poderás entrar sen risco en lugares inaccesibles como a cova de Eirós, cos seus gravados e pinturas rupestres, e nalgunhas das salas máis espectaculares da cova do Rei Cintolo. Tamén explorar enclaves singulares como o xacemento romano de Aquis Querquennis, a praia de area negra de Teixidelo ou o afloramento granítico do Penedo de Noiteboa. Ao poñer as lentes tan só tes que escoller no mapa virtual un dos sete destinos que ofrece a experiencia.
Para conseguir trasladalos á contorna dixital, o equipo de produción e gravación contou coa colaboración de expertos en arqueoloxía, historia e patrimonio, como os investigadores Arturo de Lombera Hermida e Tania Mosquera Castro, integrantes do equipo de escavación do xacemento de Eirós, así como persoal da asociación de espeleoloxía ao cargo das visitas á cova do Rei Cintolo, que fixeron de guías e axudaron a documentar da mellor maneira posible cada un dos enclaves.
O Galiverso no corazón da pedra tira proveito, ademais, das tecnoloxías dixitais para introducir elementos interactivos que fan máis interesante e espectacular a experiencia. Móvete con espírito curioso e intenta tocar coas túas mans virtuais calquera cousa que che chame a atención. De seguro atoparás máis dunha sorpresa!
Máis eventos de tipo Espectáculo