Evento: José Suárez. Uns ollos vivos que pensan

José Suárez. Uns ollos vivos que pensan
venres, 13 novembro, 2015 a domingo, 27 marzo, 2016
Museo Centro Gaiás,
Santiago de Compostela

José Suárez. Uns ollos vivos que pensan

A maior exposición realizada sobre o fotógrafo galego, considerado un dos grandes nomes da fotografía do século XX

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle a maior exposición realizada ata o momento sobre este fotógrafo de Allariz, considerado un dos grandes nomes da fotografía do século XX.

A mostra, que reúne desde as súas imaxes máis icónicas ata series nunca antes expostas, pretende resituar ao fotógrafo de Allariz no punto que lle corresponde na historia da fotografía de Galicia e España, así como estender ao gran público o amplo recoñecemento que obtivo en vida por parte de intelectuais como Miguel Unamuno, Rafael Alberti, Francisco Ayala, Luís Seoane ou Eduardo Blanco Amor. 

Comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, dous nomes de referencia no estudo e divulgación da fotografía galega, a mostra conta cun total de 206 fotografías e, a diferenza doutras exposicións realizadas antes, exhibirá tamén 150 obxectos persoais. Deste xeito, o visitante poderá comprender mellor a evolución creativa de José Suárez, achegándose á apaixonante biografía deste fotógrafo no seus viaxes por Arxentina, Uruguai, Chile ou Xapón e aos seus encontros con personaxes tan relevantes, como o cineasta Kurosawa. 

A montaxe da exposición aumenta o seu atractivo xa que o deseño de Alfonso Penela, referencia da arquitectura galega contemporánea, emprega todos os recursos do Museo Centro Gaiás para potenciar a expresividade das imaxes en branco e negro de José Suárez. 

José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) é unha das figuras máis interesantes e destacadas da fotografía galega do século XX. Nunha época na que predominaban os fotógrafos por encarga e unha visión costumista da sociedade galega, José Suárez rebélase como un artista consciente da súa autoría. A súa obra reflexa unha gran preocupación humanista, incorporando novidades formais propias dos movementos de vangarda europeos como a Nova visión ou a Nova obxectividade. 

Na exposición do Museo Centro Gaiás, o visitante poderá contemplar series tan coñecidas e importantes como Mariñeiros, realizada a mediados dos anos 30 e que chegou a ser exposta en París ou Madrid; pero tamén as tomadas durante as súas viaxes a Xapón –unha primeira no 53 e unha posterior, aínda que menos destacada, nos anos 60-, ou das últimas que realizou na súa vida como A Mancha (1965).

Máis eventos de tipo Exposición

Homenaxe a Gustav Henningsen
20 de decembro a 29 de decembro
San Domingos de Bonaval s/n
O acibeche no mundo antigo. Unha aproximación dende o Castro de Viladonga.
9 de febreiro a 31 de decembro
Museo do Castro de Viladonga
Salto cuántico
1 de abril a 2 de febreiro
Centro Galego de Arte Contemporánea