Evento: Ecosistemas dunares do litoral galego
Ecosistemas dunares do litoral galego
Esta exposición, producida pola Federación Ecoloxista Galega (FEG), é unha ferramenta didáctica orientada ao coñecemento e protección dos ecosistemas dunares galegos. Estes ecosistemas amosan unhas características ecolóxicas moi fráxiles e específicas e forman unha paisaxe moi valiosa dentro do noso patrimonio.
O litoral está a sufrir, dende hai décadas, moitos impactos: verquidos, recheos, urbanizacións, etc. As dunas, pola súa proximidade ás praias, foron empregadas como aparcadoiros, paseos marítimos… Hoxe é preciso educar para acadar un equilibrio sostible entre desfrute e conservación do medio.
Con esta exposición preténdese fomentar a participación activa da poboación, no coñecemento, observación e na conservación do noso entorno, ademáis de analizar as consecuencias transformadoras das actividades humanas no medio. Tamén é unha ferramenta de traballo para divulgar os valores naturais dos ecosistemas dunares e coñecer a orixe e dinámica das dunas.