Evento: Festa das Cereixas de Paiosaco
Festa das Cereixas de Paiosaco
Para atopar as orixes das feiras de Paiosaco temos que remontarnos á Idade Media. Co tempo, a máis importantes delas foi coñecida como Feira das Cereixas. As orixes desta singular celebración, a máis importante das festas gastronómicas que se realizan no Concello da Laracha, atopámolas en décadas pasadas, cando a produción das cereixas tiña unha grande importancia especialmente na zona do val do Anllóns. Aproveitando que chegaba a época na que o froito vermello comezaba a estar maduro e listo para o seu consumo, os comerciantes vendían na feira do primeiro domingo de xullo gran cantidade dese produto.
Hoxe en día, a pesar de que a comercialización do cobizado froito vermello perdeu importancia e a produción na Laracha é para autoconsumo, mantense o costume de celebrar a xa tradicional Feira das Cereixas, cunha moi notable afluencia de xente que, ademais de participar na actividade comercial, tamén goza das propostas festivas, lúdicas, culturais e deportivas que se desenvolven durante toda a semana.
Celébrase no Campo da Feira da localidade de Paiosaco (na parroquia de Lestón) que é o segundo núcleo máis poboado do Concello da Laracha.
O comercio, a gastronomía e os actos lúdico-festivos combínanse durante a primeira fin de semana do mes de xullo e os días previos á celebración do evento.
A xornada do domingo acolle os actos centrais. Moi cedo espértase aos veciños con dianas e alboradas por todas as rúas de Paiosaco. É o inicio da Feira das Cereixas. Comeza a actividade comercial no recinto feiral á primeria hora da mañá coa apertura dos preto de 300 stands, nos que se venden as cereixas, ademais de gran variedade de produtos típicos galegos, especialmente da zona de Bergantiños.
Durante a celebración da feira, os grupos de gaitas e as charangas amenizan a xornada comercial e varios dos postos de venda resérvanse para exposición e elaboración de artesanías, así como de produtos que se elaboran con cereixas, como por exemplo, licores.
Na noite do sábado, os mellores grupos e orquestras galegas amenizan a multitudinaria verbena que se realiza no recinto feiral.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular