Evento: Modelo X Armar. Arte en Galicia na colección CGAC
Modelo X Armar. Arte en Galicia na colección CGAC
Parafraseando o título de, se cadra, a novela máis experimental de Julio Cortázar, 62/Modelo para armar, a exposición trata a colección como un modelo por construír, como unha tarefa imprescindible pero pendente, e sempre en proceso, para un museo.
A mostra, que está comisariada por Santiago Olmo, propón unha posible historia da arte feita en Galicia a partir de pezas que conforman a Colección CGAC, entre a colisión e o diálogo, á maneira dunha aproximación crítica sen pretensións totalizadoras e exhaustivas, sobre a base das condicións da propia historia do museo.
A exposición articúlase en tres seccións de carácter cronolóxico que se corresponden con décadas pero tamén con acontecementos relevantes, como o xurdir de Atlántica, a creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra ou a apertura do CGAC.