Evento: Vatapá Quinteto en concerto
Vatapá Quinteto en concerto
O grupo está composto por: o contrabaixista Óscar Rodríguez, músico de traxectoria internacional e gran coñecedor do mundo do jazz, que aporta unha grande riqueza musical nas bases do grupo e momentos álxidos nos concertos cos seus solos de contrabaixo e harmónica, dirixindo ademais, xunto co guitarrista Antón Casal, as composicións musicais do quinteto; Antón Casal, guitarrista e creador do grupo, que selecciona coidadosamente o repertorio para cada concerto baseándose nunha premisa principal, a ampla tesitura da voz de Bea Míguez, o que lle permite variar entre diferentes rexistros e estilos, dende a bossa nova ao blues; Bea Míguez, voz persoal que afronta diversos xogos de afinación durante os concertos e ofrece unha presencia escénica inherente nela, tras unha etapa previa da súa traxectoria artística na que foi actriz de teatro durante máis de 15 anos; Rolandas Butkevicius, saxofonista de percorrido internacional, que amosa unha grande intuición jazzistica aportando aos concertos improvisacións, momentos de absoluto virtuosismo e unha grande versatilidade instrumental tocando saxo tenor, saxo oprano, clarinete e frauta traveseira; e Javier Buján, percusionista e coñecedor dos xéneros musicais nos que traballa o quinteto, que mostra unha forte personalidade e carisma e busca sempre novas achegas no seu crecemento musical.
A conxunción destes cinco compoñentes consegue un equilibrio perfecto entre a calidade musical e o sentido do espectáculo no que se evidencia o “bo rollo” que transmiten e que sempre se comenta no público tras os seus concertos. Teñen ademais unha baza ao seu favor: o técnico de son que sempre os acompaña e que os coñece a perfección, Paco Guimarey, que coida cada detalle para que Vatapá-quinteto teña un son propio, stándars do século XX que soan actuais e renovados.