INFORMACIÓN XERAL
Que é a furgoteca?
É un servizo de biblioteca móbil que presta a Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos que non dispoñen deste equipamento cultural.
Como calquera outro centro bibliotecario, achégalle á veciñanza servizos diversos como:
- Préstamo de libros, revistas e outros materiais
- Asesoramento e recomendacións de lectura
- Xestión de carnés de usuario/a
- Formación, acompañamento e resolución de dúbidas no eido dixital
- Organización de actividades culturais: obradoiros, clubs de lectura, contacontos, certames e moitas máis
Onde atopala?
A Biblioteca Móbil de Galicia presta os seus servizos nas provincias de Lugo e Ourense.
- En Lugo: Baleira, Cevantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.
- En Ourense: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós.
A furgoteca achégase a cada concello 2 veces ao mes, con 2 rutas. Os días, horarios e lugares de parada poden consultarse nesta páxina web, nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.
A furgoteca presta servizo a todas as persoas con carné da Rede de Bibliotecas de Galicia, independentemente do seu lugar de residencia.
Quen pode usala?
Para usar os servizos da biblioteca móbil só é preciso ser titular dun carné da Rede de Bibliotecas de Galicia. Este carné permite utilizar os servizos de todas as bibliotecas da Rede, así como da biblioteca dixital de préstamo, GaliciaLe. Ademais, as persoas titulares do carné teñen acceso á súa conta persoal de usuario/a onde poden renovar os seus préstamos, suxerir compras ou facer comentarios, e á app da Rede de Bibliotecas de Galicia, dispoñible para IOS e Android.
O carné pode obterse directamente na furgoteca ou de xeito telemático. Para máis información sobre o carné de usuario/a e como obtelo, preme sobre esta ligazón.
Que servizos presta?
Servizo de préstamo
O servizo de préstamo ofrece a posibilidade de ler ou consultar, durante un tempo determinado e de forma gratuíta, todos os materiais da biblioteca. Conta cunha colección ampla e variada de libros, que inclúe todos os xéneros literarios: novela, poesía, teatro, contos, álbum ilustrado; libros informativos e de consulta; banda deseñada e libros adaptados a persoas con diferentes necesidades lectoras.
Ademais, dispón de cine, videoxogos, prensa diaria, revistas e tamén dispositivos electrónicos, como tabletas, consolas e lectores de libro electrónico, para facilitar o acceso aos contidos dixitais.
Asesoramento e recomendacións de lectura
As persoas encargadas da biblioteca móbil proporán e recomendarán materiais de lectura, audiovisuais ou dixitais que traten de satisfacer as expectativas das persoas usuarias, adecuados ás súas capacidades, gustos e dispoñibilidade.
Organización de actividades culturais
A furgoteca organiza un amplo abano de actividades e servizos para a promoción da lectura e da cultura en xeral, para todas as idades e públicos. Consulta a programación.
Servizo de acceso dixital
A furgoteca conta con acceso a Internet e ferramentas ofimáticas. Nela prestarase asesoramento e axuda para buscar información por Internet, realizar trámites ou utilizar os dispositivos electrónicos.
A furgoteca na túa contorna
A biblioteca móbil é un espazo aberto a toda a comunidade, serve de apoio a toda a veciñanza para facilitarlle o acceso á lectura, á información e á aprendizaxe.
Tamén traballa conxuntamente cos resto dos axentes culturais da comunidade: os concellos, as entidades prestadoras de servizos sociais e educativos e o tecido asociativo.
É un recurso cultural
Funciona como centro de difusión da cultura, polo que ofrece atención cultural, bibliográfica e dixital para todos os públicos con periodicidade estable e inclúe propostas básicas para que as persoas usuarias se inicien e adopten o hábito de ler.
É un recurso social
Facilita o acceso aos recursos culturais e formativos. Presta un servizo de proximidade que permite a participación sociocultural incidindo no crecemento persoal e o reforzo da comunidade.
É un recurso de apoio á aprendizaxe
Ofrece servizos para o apoio á aprendizaxe, tanto regulada como autónoma ou informal, para atender as necesidades das persoas usuarias. Convértese nunha nova forma de acceso á información, tanto de xeito presencial como virtual, procurando sempre a colaboración cos equipos docentes e as bibliotecas escolares do territorio.
É un recurso favorecedor da creatividade
A biblioteca procura o desenvolvemento da creatividade das persoas usuarias a través de diferentes accións de dinamización lectora e cultural: clubs de lectura, audiovisuais, charlas de experiencias, encontros con autores e autoras... En xeral, actividades que os usuarios e as usuarias poden realizar en familia ou en grupo e que tamén serven para reforzar elos na comunidade.