Luís González Tosar

Luís González Tosar (Buenos Aires, 1952) é o gran poeta arxentino-galego dos nosos días. Nacido no barrio de Palermo Viejo, onde foran vivir seus pais emigrantes, estableceuse en Galicia por volta de 1969. Dende aquela, non deixou de traballar a prol da irmandade de ambas as dúas culturas, das que é un senlleiro embaixador como membro da Academia Argentina de las Letras en representación de Galicia.

Filólogo e profesor, foi un dos cofundadores da emblemática revista de expresión poética Dorna da Universidade de Santiago de Compostela e tamén codirector da referencial colección Dombate da editorial Galaxia. Dende 1995 é, amais, presidente do Centro PEN Galicia, responsabilidade dende a que leva a cabo un destacado labor en favor da literatura galega e a súa proxección internacional.

Como poeta deuse a coñecer ao gañar o Premio Esquío con A caneiro cheo (1986), libro que pronto se converteu nun dos títulos máis sobresalientes do seu tempo, sendo galardoado tamén co Premio Antón Losada Diéguez e gozando de unánime recoñecemento crítico. Tras del viñeron a separata Seis cánticos labrados co recordo de seis cidades mouras (1986), o poemario Remol das travesías (1989) ―Premio da Crítica Española―, a antoloxía Coa forza da palabra (1992), as bilingües Madeira do meu canto/ Madera de mi canto (1998) e mais Invocació d’un temps. Poesía 1986-2000/ Invocación dun tempo. Poesía 1986-2000 (2001) e, finalmente, Estúrdiga materia (2008) ―Premio da Crítica de Galicia.

Prosista en Estación marítima (1996), coautor da versión galega do Martín Fierro (2003), tradutor ao galego da novela A volta do xove Príncipe (2013) do escritor arxentino Alejandro Guillermo Roemmers e coordinador do libro colectivo Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia (2015), González Tosar é tamén un importante orador e colaborador en diversos medios de comunicación, quefacer que lle foi recoñecido co Premio Julio Camba de Xornalismo (1999), ao que se une a concesión da Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 2005.