Percorrido polos murais de Luís Seoane

Luís Seoane

Fillo de inmigrantes galegos, naceu en Buenos Aires en 1910. A súa familia regresou a Galicia aos poucos anos e en Santiago de Compostela licenciouse en Dereito e iniciou tamén a súa carreira artística. Membro do Partido Galeguista, participou na campaña a prol do Estatuto de Autonomía para Galicia. Ao comezar a Guerra Civil española exiliouse a Buenos Aires, cidade na que desenvolveu a súa arte facendo ilustracións para diarios, revistas, libros, discos, carteis, ou ben realizando obxectos cerámicos, pinturas e murais, entre outras actividades. Tamén cultivou a literatura e foi promotor de importantes empresas culturais, tanto de Arxentina como de Galicia, xa que nunca abandonou a participación activa na recuperación da cultura galega, cunha querenza por Galicia que tamén se reflicte nos personaxes, paisaxes e simboloxía da súa obra. Nas últimas décadas da súa vida alternou a súa residencia entre as dúas beiras do Atlántico, culminando en Galicia o seu labor coa creación xunto a Díaz Pardo das cerámicas Sargadelos. 
Morreu en 1979 na Coruña.

 

Os seus murais en Buenos Aires

A primeira decoración mural de Seoane en Buenos Aires data de 1943 e realizouna no restaurante La Casa de Troya situado en Av. de Mayo (edificio xa desaparecido sen que queda rexistro gráfico). A súa obra mural revela os intereses do autor por lograr unha proposta renovada da arte galego no contexto das vangardas artísticas sen perder a súa raíz cultural e histórica. Ao mesmo tempo, reflicte a súa visión aberta da produción integradora das artes, como pode verse na Galería Santa Fe, a Galería de las Vitorias e na Galería del Centro, –entre outras–. Tamén, en Barcas e pescadores (situado nunha vivenda particular da rúa Olazábal) e na triloxía en pedra picada do edificio de Juramento 2120 ou en O nacemento do teatro arxentino (Av. Corrientes 1530, Teatro San Martín). A partir de 1959 traballou simultaneamente a súa técnica en vidreiras cunha innovadora soldadura plástica, como pode verse no hall do edificio de Esmeralda 1075.

 

Percorrido

A Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura del Gobierno de la Ciudad de Buenos Aires promoven a difusión do percorrido polos murais de Luís Seoane con motivo da 42ª Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, na que a capital galega, Santiago de Compostela, é a cidade convidada de honra. Unha oportunidade para coñecer este patrimonio na cidade dun dos maiores xenios da arte galego do século XX e artífice dalgúns dos principais proxectos da nosa cultura recente. O catálogo oficial de murais da Ciudad de Buenos Aires  rexistra actualmente 25 murais de Luís Seoane, 11 deles situados en lugares públicos (galerías comerciais  e teatros) e 14 en halls de edificios particulares de propiedade horizontal. Destácanse dous circuítos: un no barrio de Belgrano e outro máis extenso que abrangue  os barrios de Recoleta, Retiro, San Nicolás e Balvanera.

 

Tríptico informativo