Nova: O Gaiás pecha 2022 con preto de 200.000 participantes nas súas actividades culturais e a cifra récord de 28 exposicións programadas nun mesmo ano
03/01/2023
O Gaiás pecha 2022 con preto de 200.000 participantes nas súas actividades culturais e a cifra récord de 28 exposicións programadas nun mesmo ano
Un dos fitos foi a posta en marcha do Fontán, edificio no que traballan xa 130 persoas e que no seu primeiro ano organizou 112 actividades con 11.000 participantes
O Museo Gaiás celebrou o seu décimo aniversario propostas como ‘Carne y Arena’, ‘Obxectos de desexo’, ‘Camiños Creativos’ ou ‘Cidades no tempo’
A Cidade da Cultura contribuíu ao programa cultural do Xacobeo 21-22 coa organización dunha oferta expositiva que sumou máis de 200.000 visitantes
O programa de itinerancias permitiu achegar exposicións do Gaiás a Vigo, A Coruña, Lugo, Ferrol, Lugo, Lalín, Tui ou Madrid
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023 A Cidade da Cultura despide 2022 superando o millón de visitas e coa cifra récord de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano, un máximo que se acadou precisamente durante a celebración do décimo aniversario do Museo Gaiás. Co obxectivo de levar os seus contidos máis alá de Santiago de Compostela e ampliar o público que pode acceder a eles, as mostras exhibíronse non só nos espazos da Cidade da Cultura, senón tamén nunha decena de centros e museos doutras localidades.
Colaboración con 30 institucións europeas
A oferta deste ano veu marcada pola internacionalización, con colaboracións con prestixiosos museos, como a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020 ou Camiños creativos, mostra organizada con préstamos de obra de 30 institucións europeas. A dixitalización, con propostas como Carne y Arena de Alejandro G. Iñárritu ou o Galiverso, foi outra das claves. De feito, a Cidade da Cultura está a desenvolver o proxecto do que será o primeiro centro de artes dixitais de Galicia.
Apoio á creación
Outra das prioridades de 2022 foi o apoio á creación, a través do programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA). Máis dunha vintena de proxectos beneficiáronse desta iniciativa, que por vez primeira incluíu unha convocatoria pública coa adxudicación de becas de 8.000 euros para promover que se desenvolvan proxectos artísticos aproveitando os recursos técnicos e espazos da Cidade da Cultura.
Eventos no Gaiás
O incremento da actividade no Gaiás reflíctese non só no seu programa cultural, senón tamén na súa capacidade para atraer eventos. De feito, en 2022, os seus espazos acolleron preto de 400 eventos con máis de 37.000 participantes. As cifras refírense a congresos, presentacións, foros ou xuntanzas organizadas por empresas, organizacións sociais ou institucións.
Áreas verdes
A Xunta continuou en 2022 a mellorar os atractivos dos espazos exteriores e fíxoo coa creación dunha pista de BMX na zona sur e dun labirinto, construído a xeito de instalación artística, dándolle unha segunda vida a placas de formigón sobrantes da estrutura do Teatro da Música, onde se atopa hoxe o Edificio Fontán.