Nova: A Xunta financia ao 60% a programación da Rede Galega de Teatros e auditorios en Vigo con 50 citas escénicas ata finais de abril
25/01/2023
A Xunta financia ao 60% a programación da Rede Galega de Teatros e auditorios en Vigo con 50 citas escénicas ata finais de abril
Cóntase cun investimento conxunto de máis de 80.000 euros para o desenvolvemento desta carteleira coa participación de 17 formacións profesionais de teatro, danza, novo circo e maxia
O Auditorio Municipal é un dos espazos asociados ao circuíto que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove xunto a 40 entidades locais das catro provincias
Vigo, 25 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia contribúe á nova carteleira escénica de Vigo con 50 das actuacións de teatro, danza, novo circo e maxia que o Auditorio Municipal programa ata finais de abril como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O investimento público na contratación das 17 compañías que ofrecerán estas funcións supera os 80.000 euros, dos que a Xunta achega máis do 60% a través do convenio de colaboración asinado co Concello vigués.
O circuíto autonómico, desenvolvido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a 40 entidades locais asociadas, conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros para a actual carteleira semestral, cifra que se traduce na contratación de 114 formacións artísticas para levar a cabo preto de 320 funcións escénicas e concertos en escenarios das catro provincias.
Vigo será o escenario para medio centenar destas citas, concentradas nos catro primeiros meses do ano e das que 37 son de teatro, 10 de danza, dúas de novo circo e unha de maxia. Así, a actividade da Rede de Teatros e Auditorios neste 2023 arrancará na cidade olívica esta mesma fin de semana co espectáculo de rúa Pachamama, co que Troula Animación estará na Porta do Sol o venres e sábado, ás 19,00 h.
No Auditorio Municipal desde febreiro
A partir de febreiro, a programación trasladarase ao Auditorio Municipal, que ese mes acollerá a Teatro del Barrio con Como hemos llegado hasta aquí os días 3 e 4, Magia en la Manga con The Best magic Trick in the World o día 5, Teatro DeuVe con 3240 os días 10 e 11, Teatro Spasmo coa montaxe infantil La mejor obra de la historia o día 12, Teatro Portal 71 con Sexpiertos os días 24 e 25 e Teatro N+1 coa proposta para público familiar Divertimentos o día 26.
Xa en marzo será a quenda de Malasombra Producións con Vox Populi o día 3 e de Tanxarina Títeres con A cazola de Lola o día 12, así como para as tres sesións do día 17 e as catro do día 18 das seguintes pezas breves: Intempestiva de Elahood, Non obstante, Life is a Cabaret as You Now de ALO Producións, Murmurios cuánticos de Cinema Sticado e Histriónica! de Mónica Sueiro.
En abril chegará ao Auditorio Municipal a versión de O porco de pé, de Vicente Risco, por Producións Teatrais Excéntricas os días 21 e 22, Carabela de Galeatro Producións Escénicas o día 23, Tabú de Colectivo Glovo o día 28 e Loop de Aracaladanza o día 30.