Nova: Ortiga e Grande Amore protagonizan os concertos da quinta edición do Día dos Medios en Galego
07/02/2023
Ortiga e Grande Amore protagonizan os concertos da quinta edición do Día dos Medios en Galego
O secretario xeral de Política lingüística participa na presentación da programación que a Asociación de Medios en Gaiego organiza cada 7 de febreiro
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación da programación do Día dos Medios en Galego, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA) co gallo da primeira publicación xornalística en lingua galega, O Tío Marcos d´a Portela, editada por Valentín Lamas Carvajal en 1876.
Con motivo desta conmemoración, que se celebra cada 7 de febreiro desde 2018, a asociación, en colaboración coa Xunta de Galicia e co Concello de Santiago de Compostela, organiza este xoves 9 ás 20,30 h na Sala Capitol unha xornada festiva cos concertos de dúas das referencias máis relevantes do panorama musical galego: Ortiga e Grande Amore.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou “o valioso labor dos 130 medios que a día de hoxe usan a lingua galega para facer xornalismo” e expresou o seu desexo de que esta conmemoración “contribúa a divulgar estas cabeceiras e anime a outros a incorporar cada vez máis o galego nas súas páxinas, seguindo a estela marcada no seu día por Valentín Lamas Carvajal”.
Primeiro publicación en 1876
O Tío Marcos d´a Portela está considerada a primeira publicación periódica integramente en galego. Nada o 7 de febreiro de 1876, foi editada por primeira vez en Ourense con carácter quincenal e, aos dous meses, adquiriu unha periodicidade semanal. Alcanzou un gran éxito en toda Galicia cunha tirada máxima de ata 4.000 exemplares.
A pesar do seu marcado carácter literario, especialmente poético, a publicación tamén incluía artigos de opinión e de actualidade. A súa última edición foi impresa en Lugo en 1888 aínda que, posteriormente, as Irmandades da Fala promoveron a mesma cabeceira entre 1917 e 1919.