Nova: O director de Industrias Culturais pon a Mostra de Cinema Etnográfico MICE como exemplo da diversidade da oferta galega de festivais audiovisuais

06/03/2023

O director de Industrias Culturais pon a Mostra de Cinema Etnográfico MICE como exemplo da diversidade da oferta galega de festivais audiovisuais

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, á que puxo como exemplo da diversidade e especialización do actual panorama galego de festivais audiovisuais. Sinalou, así mesmo, que esta é unha das citas que cada ano apoia a Xunta de Galicia a través da liña de subvencións a este tipo de certames, que nestes momentos se atopa en trámite de resolución da convocatoria de 2023 cunha dotación de 225.000 euros

No caso da MICE, que terá lugar do 15 ao 21 de marzo, o foco ponse no cine de contido antropolóxico e no seu papel como ferramenta documental e pedagóxica. Nesta edición, o concepto de rururbanía como intersección entre o rural e o urbano será o eixe temático de toda a programación, desde as seccións competitivas Galicia e Internacional con Santiago Teijelo, Sara Traba, Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez como representantes galegos, ata os apartados paralelos Trazas, Lindes e Impropias, pasando polas accións formativas e o resto das actividades do festival.

 

Comparte