Nova: A Xunta e o concello de Lalín avanzan na colaboración para recuperar e dotar de usos culturais, sociais e turísticos a Casa de don Álvaro

11/03/2023

A Xunta e o concello de Lalín avanzan na colaboración para recuperar e dotar de usos culturais, sociais e turísticos a Casa de don Álvaro

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde, José Crespo, asinan un convenio para as actuacións de conservación



O Goberno galego achegará 900.000€, unha terceira parte xa este ano



Román Rodríguez destaca a vontade de ambas administracións de poñer este ”edificio icónico ao servizo da veciñanza de Lalín”

 

Lalín (Pontevedra), 11 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para acometer actuacións de conservación na Casa de don Álvaro. Con este acordo avánzase no proceso de recuperación deste inmoble lalinense, co obxectivo de dotalo de novos usos culturais, sociais e turísticos.

O titular do departamento de Cultura do Goberno galego recordou que os orzamentos autonómicos deste ano xa inclúen unha partida de 300.000€ para esta actuación, a terceira parte dos 900.000€ para recuperar este espazo. Román Rodríguez destacou a vontade de ambas administracións de poñer a Casa de don Álvaro, “un edificio icónico, ao servizo da veciñanza de Lalín e de todos os visitantes que se queiran achegar a desfrutar dos novos usos que se lle dea a este magnífico espazo”.

Cronograma de actuacións

O acordo asinado hoxe regula a colaboración entre Xunta e Concello para a posta a disposición dos terreos e inmoble, por parte do Goberno municipal, e para regular as actuacións de conservación, a cargo da Consellería de Cultura. O convenio estará en vigor ata o 31 de decembro de 2025.

 

Entre as actuacións previstas, os técnicos propoñen realizar un estudo previo do estado do edificio e do xardín, así como avaliar os novos usos públicos en coherencia cos seus valores arquitectónicos e artísticos. A partir de aí, redactarase un proxecto de conservación e os proxectos básicos e de execución das obras para a rehabilitación do inmoble. Unha vez realizada esta intervención, dotarase o espazo dos equipamentos que sexan precisos.

Unha mostra senlleira das vivendas burguesas

A Casa de Don Álvaro é un dos inmobles máis significativos do municipio de Lalín. Construído en 1913, trátase dun inmoble de estilo modernista, unha senlleira mostra das vivendas burguesas de principios do século XX. O seu interese está reforzado polo seu emprazamento no centro neurálxico, comercial e simbólico do conxunto urbano de Lalín. Non en balde, desde a súa construción acolleu nunha parte do baixo establecementos emblemáticos para o municipio como unha chocolatería, unha ferraxería ou, máis recentemente, a sede do Banco Pastor.

 

O inmoble mantén intacta gran parte dos aspectos que caracterizan a súa autenticidade e integridade, sobre todo nos espazos de vivenda na planta baixa e en toda a planta alta. Destacan o portal, vestíbulo, escaleira e os salóns principais, especialmente o comedor nobre que mantén o seu mobiliario de época e, na planta alta, o espazo do salón-galería aberto ao xardín privado e o dormitorio principal.

 

Os dormitorios responden a unha planta típica de casa burguesa con alcobas e unha riqueza espacial singular. Tamén son salientables, polo seu interese, as carpinterías de madeira das portas de paso interiores e as carpinterías das fachadas, especialmente as galerías presentes en tres das súas fachadas. O xardín tamén é de interese, ao conservar a súa traza e as especies arbóreas e botánicas que o configuran.

 

Comparte