Nova: Axudas para a promoción do talento audiovisual galego

08/04/2015

Axudas para a promoción do talento audiovisual galego

Impulsarase un total de 13 proxectos en galego entre longametraxes, guións e curtas, co obxectivo de estimular a incorporación de novos creadores á nosa industria audiovisual

  • Axudas para a promoción do talento audiovisual galego Axudas de 145.000 euros para a promoción do talento audiovisual galego

Santiago, 8 de abril de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as novas bases para a convocatoria de subvencións en 2015 á promoción do talento audiovisual galego, á que destina unha dotación total de 145.000 euros. Así se aprobou na última reunión do Consello Reitor do organismo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co que se mantén a mesma contía asignada a estas axudas en 2014 para a realización de longametraxes, así como para a escrita individual de guións e para a produción de curtas.

En resposta a suxestións do sector, a nova convocatoria permitirá a presentación de solicitudes por parte de creadores que xa foran beneficiarios de axuda no ano anterior. Ademais, os prazos do procedemento adiántanse temporalmente respecto á última convocatoria feita pública no mes de agosto de 2014, co obxectivo de se adecuaren o máis posible á planificación anual dos interesados.

A dotación de 145.000 euros asignarase a impulsar a escrita e a produción de 13 proxectos en versión orixinal galega. En concreto, 25.000 euros serán para contribuír á escrita de cinco guións, 30.000 euros para a produción de cinco curtametraxes e 90.000 euros para a realización de tres longametraxes por directores noveis.

Calidade e creatividade
Unha comisión de expertos independentes será a encargada de avaliar as solicitudes, que poden presentarse ata o 8 de maio, de acordo co baremo que especifican as bases e atendendo a criterios de orixinalidade, calidade e creatividade dos proxectos, da súa contribución cultural e da súa viabilidade cinematográfica.

Neste proceso, puntuaranse en cada modalidade aspectos que teñen que ver coa contribución á diversidade temática do panorama audiovisual galego, a novidade no tratamento narrativo ou outros elementos diferenciais. Tamén se terán en conta, entre outros requisitos, que se trate de adaptacións de obras literarias galegas e/ou escritas orixinariamente en lingua galega, que a acción se desenvolva en Galicia ou que se utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego.

Ademais, nas propostas de longametraxes valorarase o axuste entre o tipo de proposta presentada e o custe total estimado, así como a porcentaxe de fondos propios.

Inseridas no plan xeral de apoio ao audiovisual galego que Cultura e Educación desenvolve anualmente a través da Agadic, estas axudas ao talento buscan favorecer a incorporación de novos creadores á industria audiovisual galega, co obxectivo de promover a xeración de novas propostas narrativas de especial valor cinematográfico e de contribuír ao enriquecemento cultural do país mediante as distintas formas de expresión audiovisual.
 

Comparte