Nova: A Xunta pon en marcha unha nova liña de axudas para a aceleración das artes escénicas galegas cunha inxección de máis de 330.000 euros
29/05/2023
A Xunta pon en marcha unha nova liña de axudas para a aceleración das artes escénicas galegas cunha inxección de máis de 330.000 euros
O DOG publica hoxe as bases destas subvencións para proxectos que favorezan o crecemento do tecido empresarial e profesional no sector, a súa transformación dixital, a interconexión con outros sectores e un mellor acceso ao financiamento
Os criterios de selección priman as empresas de recente creación, a estabilidade laboral, a xeración de emprego feminino e de menores de 30 anos, o uso do galego ou a existencia dun plan de negocio previo, entre outros factores
Poderá beneficiarse unha decena de iniciativas con ata 42.000 euros en cada caso e o prazo estará aberto ata o 29 de xuño
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases dunha nova liña de subvencións da Xunta de Galicia, a través da que se inxectarán 336.000 euros na aceleración cultural das artes escénicas galegas. O obxectivo desta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, é impulsar a profesionalización empresarial do sector a través de proxectos que doten as entidades subvencionadas das ferramentas necesarias para mellorar as súas habilidades emprendedoras e financeiras no marco das industrias culturais.
Reforzo do tecido empresarial e profesional
Os proxectos deberán especificar en detalle as accións de aceleración e/ou investimento encamiñadas a acadar os obxectivos de acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional do sector, impulsar a súa transformación á cultura dixital e a incorporación de novas tecnoloxías, favorecer as interconexións entre as industrias culturais e entre estas con outros sectores económicos, e favorecer o acceso ao financiamento.
Criterios automáticos e técnicos
Para a selección das propostas seguirase un baremo de criterios automáticos e técnicos, que primará, entre outros aspectos, as empresas de recente creación, a estabilidade do persoal contratado, a xeración de emprego feminino, de menores de 30 anos e de persoas con discapacidade, o uso da lingua galega, a existencia previa dun plan de negocio ou a viabilidade, sustentabilidade ou potencial crecemento do proxecto.
A Axencia Galega das Industrias Culturais xestiona este novo programa de aceleración cultural con financiamento dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Entronca, neste sentido, co Plan Xeración Cultura, a folla de ruta que xa está en marcha para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego cunha batería de máis de medio cento de iniciativas. Entre elas inclúese a nova aceleradora musical Sonemerxente, que a Xunta está a desenvolver coa Fundación Paideia como entidade colaboradora. Nese caso, o traballo deu comezo a finais de marzo cunha primeira fase na que unha decena de artistas e grupos seleccionados están a ser titorizados por primeiras figuras da industria musical a nivel estatal e internacional.