Nova: Anxo M. Lorenzo destaca as feiras do libro como unha das accións prioritarias da Xunta no apoio ao sector do libro
17/08/2023
Anxo M. Lorenzo destaca as feiras do libro como unha das accións prioritarias da Xunta no apoio ao sector do libro
Media ducia de librarías instalan as súas casetas na praza de Conde Fontao ata o 20 de agosto
A programación inclúe unha ampla variedade de actividades, con especial fincapé no público infantil
Foz (Lugo), 17 de agosto de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da Feira do Libro de Foz, a penúltima das citas do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías para impulsar a actividade do sector este verán.
O representante da Xunta de Galicia destacou estas citas como unha das accións de divulgación prioritarias do Goberno galego no referido ao sector do libro, aliñadas coas medidas do Plan de impulso ao sector do libro que este ano puxo en marcha a Consellería de Cultura para reforzar o apoio ao sector. Así mesmo, intégrase nas máis de 2.500 propostas que a Xunta impulsa coincidindo coa temporada estival a través do CulturON.
O director xeral salientou a importancia destas feiras para achegar o libro e a lectura á cidadanía nas rúas. “Ademais da venda de libros, ofrécense encontros con autores, sinatura de exemplares e unha variada programación para espertar a atención de cada persoa que se achegue á praza de Conde Fontao e para que todas elas poidan atopar un libro do que gozar estas vacacións”, explicou.
Sinalou tamén a relevancia da programación para o público infantil, “con contacontos, teatro e actuacións musicais que contribúen a que os máis pequenos asocien a lectura ao lecer e ao desfrute, promovendo este hábito desde as idades máis temperás”, dixo.
Tras o pregón a cargo do escritor Lionel Rexes e ata o 20 de agosto, media ducia de librarías ofrecerán parte do seu catálogo de publicacións na Feira do Libro de Foz co habitual desconto do 10% nestas citas. Trátase da décimo terceira parada deste circuíto, que terá a súa última parada en Monforte de Lemos (do 23 ao 26 de agosto).