Nova: Anxo M. Lorenzo felicita ao Museo do Gravado de Ribeira por reunir 20 países nos seus premios

09/09/2023

Anxo M. Lorenzo felicita ao Museo do Gravado de Ribeira por reunir 20 países nos seus premios

O director xeral de Cultura participa na entrega do XVI Premio Atlante de Gravado, un dos galardóns máis reputados da arte do gravado no estranxeiro

O gañador do Ramiro Carregal Rey foi o tailandés Prakarn Jantaravichit, ao que se suman nove artistas máis no resto de recoñecementos

Presentáronse 200 estampas procedentes de lugares como Italia, Arxentina, Polonia, Irán, Canadá, Israel, Taiwán ou Xapón, ademais de España

Ribeira (A Coruña), 9 de setembro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, agradeceu hoxe ao Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira a súa contribución por divulgar e premiar o bo facer no mundo da arte, tanto dentro como fóra de Galicia, e consolidar a Comunidade como referente internacional desta disciplina. Así o manifestou durante a entrega do XVI edición do Premio Atlante de Gravado, un dos galardóns máis reputados neste eido, que conta co apoio da Xunta de Galicia e que nesta edición contou coa participación de candidatos de ata 20 países.

O Premio Ramiro Carregal Rey, a principal categoría, recaeu nesta edición no artista tailandés Prakarn Jantaravichit. No resto de categorías, o Premio Atlante entregouse a Carmen Isasi, Federica Bau e Marcos Poma, mentres que o Atlante Galicia Pedras de Santiago foi para Carola Bouza. As mencións de honra foron para Raquel Hernández Izquierdo, Fabio Riaudo, Floki Gauvry, Antía Iglesias Fernández e Nuria Pena.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades referiuse ao “bo momento” deste recoñecemento que, nos seus 16 anos de historia, “ten concitado un enorme interese de artistas de todo o mundo” como constata, por exemplo, que só neste ano se recibisen estampas procedentes de lugares como  Italia, Arxentina, Polonia, Irán, Canadá, Israel, Taiwán, México, Rusia ou Xapón, ademais de España.

“Iniciativas como esta contribúen a divulgar a importancia do gravado, a alentar o coleccionismo de estampas e tamén apoiar o traballo que moitos artistas, tanto galegos como de fóra da nosa comunidade, están a facer nesta disciplina artística”, engadiu. De feito, tamén subliñou como os Premios Atlante de Gravado contribúen a reforzar o papel do gravado tamén en distintos museos, universidades ou escolas de Belas Artes onde se expoñen as obras dos premiados.

 

Comparte