Nova: Román Rodríguez visita o equipo de ‘Operación Marea Negra’ na recta final da rodaxe na Coruña da súa terceira e última temporada
18/09/2023
Román Rodríguez visita o equipo de ‘Operación Marea Negra’ na recta final da rodaxe na Coruña da súa terceira e última temporada
O conselleiro asiste á filmación na antiga Fábrica de Armas coruñesa de varias das escenas desta coprodución galego portuguesa para Prime Video
Galicia volve ser o escenario principal desta nova quenda de cinco episodios coa que culmina a miniserie de Ficción Producciones, que xa en 2021 e 2022 se gravou en diferentes localizacións da Comunidade co apoio económico da Xunta
A Coruña, 18 de setembro de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta tarde na Coruña o equipo da serie de Prime Video Operación Marea Negra na recta final da rodaxe da súa terceira e última temporada. A xornada de traballo desenvolveuse na antiga Fábrica de Armas, unha das numerosas localizacións coruñesas desta nova quenda de cinco episodios. Con ela, culmina o percorrido desta coprodución galego-portuguesa, encabezada pola compañía compostelá Ficción Producciones, que xa nas súas anteriores entregas tivo Galicia como escenario principal co apoio da Xunta a través de diferentes liñas de subvencións ao sector audiovisual galego.
O delegado territorial na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañaron o conselleiro no seu percorrido polo set xunto con Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos por parte de Ficción Producciones; e os representantes de Prime Video, da Rádio e Televisão de Portugal (RTP) e da tamén portuguesa Ukbar.
Preto de 70 profesionais
Na súa visita, tivo a oportunidade de felicitar persoalmente a parte do equipo técnico e artístico, composto por preto de 70 profesionais, dos que máis do 70 % son galegos. Igor Legarreta e Oskar Santos lideran a dirección desta nova entrega, que volve contar con Jorge López no papel protagonista xunto a un destacado reparto hispano-portugués no que figuran Óscar Jaenada, Bruno Gagliasso, Pêpê Rapazote, Soraia Chaves, Diego Anido, Luis Zahera ou Miguel de Lira, entre outros.