Nova: A Xunta licita a restauración da Igrexa do Mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón con preto de 170.000€

09/01/2024

A Xunta licita a restauración da Igrexa do Mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón con preto de 170.000€

O obxectivo é resolver as necesidades detectadas no interior tras a actuación levada a cabo na parte exterior, o que eleva o investimento neste ben ata os case 470.000€

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación os traballos para resolver as necesidades detectadas no interior da igrexa do Mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón cunha achega de case 170.000€. Trátase dunha actuación que se leva a cabo tras completar a actuación levada a cabo na parte exterior e que eleva o investimento neste ben ata os case 470.000€.

O obxectivo desta intervención, cuxo inicio do proceso administrativo acaba de publicase na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, é mellorar as condicións de funcionalidade e habitabilidade do interior da igrexa e trasladar ao interior da igrexa o arco pétreo localizado no exterior da fachada norte. Así, coa posta en marcha deste proxecto preténdese eliminar a sucidade, sanear a estrutura e renovar a instalación eléctrica e a iluminación para poder desenvolver as actividades relixiosas, así como as relacionadas coas visitas culturais e a contemplación dos elementos artísticos e decorativos máis relevantes.

Para iso, os traballos comezarán coa elaboración dun estudo detallado con reportaxe fotográfico, gráfico e documental do arco pétreo para, posteriormente, desmontalo e executalo no interior do inmoble segundo a documentación recollida. Ademais, levarase a cabo unha limpeza manual do paramento exterior e interior da cantería histórica e dos ocos románicos da ábsida, así como a eliminación das costras negras da cabeceira.

O proxecto, que conta cun prazo de execución previsto de seis meses, complétase coa protección do pavimento pétreo interior da igrexa, do retablo e dos elementos artísticos e coa reordenación do mobiliario existente composto por elementos relixiosos, bancos, atrís e confesionarios.

 

Comparte