Nova: Sarabela Teatro estrea ‘O dragón de ouro’ co apoio das subvencións á creación escénica da Xunta e no marco da Rede galega de teatros e auditorios

15/02/2024

Sarabela Teatro estrea ‘O dragón de ouro’ co apoio das subvencións á creación escénica da Xunta e no marco da Rede galega de teatros e auditorios

O espectáculo estréase a fin de semana do 23 de febreiro no Teatro Principal de Ourense con tres funcións para público xeral e un pase escolar

A obra do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig representarase por primeira vez en galego baixo a dirección de Ánxeles Cuña

 

Ourense, 15 de febreiro de 2024 Sarabela Teatro estrea co apoio da Xunta o venres 23 de febreiro no Teatro Principal de Ourense o seu novo espectáculo, O dragón de ouro, co que a compañía adapta ao galego un dos textos do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig. O Goberno galego contribuíu á súa produción a través da convocatoria anual de subvencións para creación escénica de 2023 e cofinancia adicionalmente as catro funcións inaugurais no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, xa que a obra ofrece un pase para escolares o venres e poderá verse tamén os días 24 e 25.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen  acompañou o equipo de O dragón de ouro na presentación aos medios deste novo proxecto. Na súa intervención, referiuse a Sarabela  como unha das máis destacadas do panorama teatral galego “pola calidade dos seus proxectos, pero tamén pola variedade de formatos e rexistros que asume nun repertorio que non fai máis que medrar e chegar a máis xente”.

Tamén cualificou O dragón de ouro como “cita importante da temporada”, non só por traer por vez primeira ao galego a obra do autor alemán, un dos máis representados do mundo, senón tamén “por abordar temas sociais dun xeito que lles vai sorprender aos espectadores e porque a posta en escena que se está a ultimar reúne un bo número dos mellores profesionais do país”, expresou.

Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Fran Lareu son os actores e actrices que forman parte do elenco, interpretando 17 personaxes a un ritmo trepidante nunha fábula que cuestiona a deshumanización. Iris Branco (escenografía), Ruth Pereira (deseño de vestiario), Vadim Yukhnevich (composición musical), Baltasar Patiño (deseño de iluminación) e Rut Balbís (dramaturxia de movemento) completan o equipo de Sarabela Teatro para esta nova montaxe.

Estilo cinematográfico

Baixo a dirección de Ánxela Cuña e con tradución de Catuxa López Pato, para a que se contou coa colaboración do Instituto Goethe, a obra preséntase como unha “traxedia contemporánea performática con elementos grotescos”. Aborda temas como a emigración ilegal, a explotación laboral dos “sen papeis” e o desexo de cambiar as condicións de vida. A posta en escena mestura performance e comedia cun estilo narrativo cinematográfico, polos seus cortes rápidos e fundidos cruzados.

A trama desenvólvese cando unha noite, nun edificio de varios pisos nun lugar de Europa, un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña do restaurante de comida rápida O dragón de ouro. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa á súa irmá desaparecida... A partir desa escena, a peza transita polos distintos andares do edificio e das historias dos personaxes que o habitan.

Tras o seu paso por Ourense, O dragón de ouro visitará o 20 de abril no Pazo da Cultura de Narón, tamén dentro da carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Comparte