Nova: Román Rodríguez anuncia para abril o inicio das obras de restauración da Casa de Don Álvaro en Lalín por máis dun millón de euros

26/03/2024

Román Rodríguez anuncia para abril o inicio das obras de restauración da Casa de Don Álvaro en Lalín por máis dun millón de euros

“Con esta actuación queremos, polo tanto, restaurar unha parte importante da memoria lalinense”, di o representante da Xunta

No andar baixo situarase a Oficina de Turismo Municipal e o Museo Permanente do Cocido, mentres que o alto se dedicará a espazos socio culturais

O xardín poderá abrirse ao público para acoller actividades de diversa índole

Lalín (Pontevedra), 26 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, anunciou hoxe para o mes de abril o inicio das obras de restauración da Casa de Don Álvaro, en Lalín. Fíxoo na presentación do proxecto de rehabilitación, que conta cun orzamento de máis dun millón de euros, así como dos usos previstos para o edificio. A actuación, que conta cun prazo de execución aproximado de nove meses, encádrase nun convenio de colaboración asinado co Concello de Lalín.

O representante da Xunta de Galicia explicou que o obxectivo da intervención é devolver “todo o esplendor a este inmoble, un dos máis significativos de Lalín”. “Construído en 1913, no seu baixo acolleu establecementos emblemáticos da vila, como unha chocolatería, unha ferraxería ou o Banco Pastor”, sinalou Román Rodríguez. “Con esta actuación queremos, polo tanto, restaurar unha parte importante da memoria lalinense”, resumiu.

Novos usos

No referido aos novos uso, Román Rodríguez explicou que a intención é que o edificio funcione como un contedor sociocultural vinculado ao turismo e gastronomía locais e ás actividades sociais–formativas, mantendo as súas características construtivas e arquitectónicas, así como daqueles elementos decorativos e mobiliario máis representativos.

Deste xeito, no andar baixo situarase a Oficina de Turismo Municipal no espazo que actualmente está destinado a local comercial. Ademais, nas estancias existentes do comedor novo-salón, despacho,  comedor vello e cociña localizarase o Museo Permanente do Cocido .

Por outra banda, prevese destinar o andar alto do inmoble a espazo sociocultural, conservando algunha das estancias máis representativas como elementos propios dunha tipoloxía característica (residencial, señorial e urbana) de principios do século pasado, tomando como espazo de referencia o salón principal.

O resto das estancias poderán ser empregados como espazos polivalentes para o desenvolvemento de actividades sociais e culturais (conferencias, exposicións temporais, presentacións, reunións, etc.), ao igual ca o espazo baixo cuberta.

Ademais, o xardín poderá abrirse ao público para acoller actividades sociais, culturais e de lecer ao aire libre, conservando as árbores máis representativas, como as palmeiras e o cedro.

Actuación integral

A actuación busca resolver os problemas provocados polo paso do tempo e a falta de uso co fin de recuperar este edificio icónico da comarca do Deza e poñelo ao servizo da veciñanza e dos visitantes dotándoo de novos usos culturais, sociais e turísticos.

Así, o obxectivo desta intervención é recuperar este inmoble solucionando as patoloxías construtivas causadas pola entrada de auga, o exceso de humidades, o deterioro e o insuficiente illamento térmico das fachadas e a cuberta. Para iso, a actuación prevista inclúe a mellora das canalizacións e a impermeabilización, a reparación dos danos na zona da galería principal e o reforzo da estrutura de madeira de todo o edificio mediante o aporte de novas pezas e o suplemento de vigas.

O proxecto tamén inclúe a recuperación das vigas e viguetas afectadas pola humidade e insectos, así como das carpinterías de madeira exteriores incorporando un dobre cristal que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Co mesmo obxectivo de reducir a humidade, executarase un drenaxe perimetral na zona do xardín e incorporarase un novo illamento térmico na cara interior das fachadas e a cuberta.

Os traballos complétanse cunha nova instalación eléctrica, de iluminación e climatización e coa recuperación do espazo orixinal do baixo, alterado por unha redistribución inadecuada feita no século XX. Ademais, instalarase un novo ascensor que permita dar cumprimento á normativa de accesibilidade.

Comparte